Ribadeo Indiano arrinca a súa X edición cunha homenaxe ao legado da emigración a America

A vila de Ribadeo vestiuse de época para dar comezo á décima edición do Ribadeo Indiano, unha cita xa consolidada no calendario cultural galego que rende homenaxe ao legado da emigración á América. No acto inaugural participaron representantes institucionais como o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a deputada provincial de Cultura, Iria Castro.
Durante o pregón, pronunciado polo xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso, puxéronse en valor as figuras dos indianos que retornaron á Mariña, como Ramón González, “polo que fixeron polo pobo e o seu desenvolvemento”. Vizoso centrou o seu discurso en recoñecer a achega destes filántropos, subliñando especialmente a de González, coincidindo co centenario do seu pasamento.
O conselleiro López Campos destacou a importancia do Ribadeo Indiano como unha celebración “tan significativa a nivel cultural e social, que nos lembra unha parte moi relevante da nosa historia, os movementos migratorios, a partir dos que tamén se forxou a nosa identidade e o desenvolvemento da nosa sociedade”. Agradeceu tamén o esforzo da organización por manter viva esta festa que “pon en valor o legado que os emigrantes retornados deixaron na nosa terra a moi diferentes niveis, cultural, artístico e, neste caso especialmente, tamén no referente ao patrimonio arquitectónico tan característico da zona”.
Pola súa parte, Iria Castro sinalou que esta cita é unha oportunidade para “atoparse coa nosa historia e recoñecer o legado social e cultural da emigración”, ao tempo que destacou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo á organización do evento a través dun convenio de colaboración con ACISA. Esta achega permite financiar a decoración das rúas, prazas e establecementos, ademais de diversas actividades como a xincana indiana e os xogos tradicionais no parque de San Francisco.
A colaboración da Deputación tamén fai posible a viaxe a México que se sorteará o domingo entre a clientela do comercio e a hostalaría local, coincidindo co concerto da coñecida banda cubana Los Van Van, que porá o broche final á programación deste ano.
Finalmente, López Campos lembrou que o Ribadeo Indiano forma parte da campaña autonómica Para gustos, cultura, cunha oferta de máis de 3.400 actividades que se espallan por máis de 200 concellos galegos ata setembro. “Trátase dunha programación diversa para todos os públicos e para todos os gustos”, asegurou, “desde festas como esta de Ribadeo e grandes festivais de música, ata accións como circuítos de danza, teatro, maxia ou circo”.
O Ribadeo Indiano continúa durante toda a fin de semana cun completo programa cultural, musical e gastronómico que volverá encher as rúas de historia, memoria e celebración colectiva.