Ribadeo incrementa as axudas en Benestar Social ata os 14.500 euros
Ribadeo incrementa as axudas en Benestar Social tras asinar os convenios das subvencións nominativas para 2024. As asociacións beneficiarias son Cogami, Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, Fundación Edes, Cruz Vermella e Cáritas. A partida destinada a este fin é de 14.500 euros.
“Creo que demos un paso moi importante. En primeiro lugar, colaborar con máis entidades e subir a partida, dentro dos orzamentos 2024, dentro dun Plan Estratéxico 24-26, que foi aprobado no pleno do 4 do 12 do 2023. Houbo un total respaldo por parte do pleno, polo tanto respáldanos e tamén garante un total apoio por parte dos grupos políticos”, explicou o alcalde, Dani Vega.
O rexedor cre que “o Concello acertou en incrementar as partidas orzamentarias en Benestar Social e tamén acertamos en sumar mais entidades á hora de colaborar. Entre todos estamos facendo un bo traballo”.
Deste xeito, colaboran coa asociación Cogami, cunha achega de 2.000 euros, tamén coa asociación Axuda ao Enfermo Mental A Mariña con 4.000 euros, coa Fundación Edes con 2.000 euros, coa Cruz Vermella. “É a primeira vez que se incorpora a este Plan Estratéxico, e tamén colaboramos con Cáritas, con toda ese labor que está facendo, creo que tamén é importante. Todos estes colectivos que cumpren unha función importante, que cumpren cun traballo que ás veces non valoramos, e desde logo desde as institucións, debemos valorar e apoiar con orzamentos”.
Para o alcalde ribadense “o de hoxe foi un acto importante, debemos seguir incrementando entidades no 2025 e así o vamos facer. Seguiremos colaborando e quero darlles as grazas a todos por ese inmenso traballo que realizan todos os días”.