Ribadeo incrementa a súa oferta en visitas guiadas
A Área de Turismo incrementa a súa oferta en visitas guiadas e este ano contará con 13 rutas diferentes, poñendo en valor espazos que ata o de agora non estaban tan presentes, como é o caso do Forte de San Damián. Poñen en marcha esta visita ao Forte de San Damián aproveitando a celebración do 400 aniversario da súa creación. Terá lugar todos os luns a partir do 1 de xullo. E co afán de poñer en valor o Camiño de Santiago e o Santuario de Nosa Señora das Virtudes retómanse as visitas a esta capela, que alberga un dos conxuntos de pinturas murais tardomedievais máis importantes de Galicia.
Esta poderase visitar os domingos ás 11.30 da mañá. A estes percorridos que toman protagonismo, súmanse as xa coñecidas visitas guiadas polo centro, as xeorutas e as visitas teatralizadas, que ano tras ano acadan todas elas un gran éxito, podendo disfrutar así cada día cunha visita guiada diferente.
O mércores será a quenda do Ribadeo Indiano, un paseo guiado para coñecer a historia viva da pegada da emigración a ultramar. No Ribadeo Antigo mostrarase a parte da muralla e o entramado de rúas que prevalece da época medieval. “Estas visitas serán os venres. Xa na fin de semana o protagonista será o Ribadeo Ilustrado, que nos levará á época de esplendor do porto comercial, cuxa figura protagonista é Raimundo Ibáñez”, exlicou a concelleira de Comercio e Turismo.
A estas súmanse tres visitas teatralizadas: unha polo Ribadeo Ilustrado que terá lugar os xoves ás 20.30 horas a cargo do grupo de teatro Os Quinquilláns; e as visitas teatrais ao Ribadeo Indiano durante a fin de semana: o sábado ás 12 horas con Suso Martínez, guía-actor, e o domingo ás 20.30 horas con Susana Álvarez, actriz ribadense.
“Por último, falando da importancia do patrimonio natural e concretamente do xeolóxico organízanse 4 xeorutas: a da ría para descubrir a súa orixe e a súa evolución; a dos Pregues, unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña Lucense, o gran pregue que se estende dende a ría de Foz ata a de Ribadeo; a dos Ollos, un dos tesouros xeolóxicos do treito litoral do famoso pobo mariñeiro de Rinlo; e a dos Arcos, nunha visita onde se localiza o conxunto de arcos rochosos máis importante da Península Ibérica”.
Todas estas visitas serán de balde, pero con prazas limitados. Para formalizar a reserva, deberán entrar na sección de Momentos da páxina web turismo.ribadeo.gal. Tamén poden conseguir máis información chamando ao teléfono 982 128 689.