Ribadeo inaugura unha escultura polo Día da Muller
O vindeiro 6 de marzo Ribadeo renderá homenaxe a todas as mulleres coa inauguración dunha escultura de ferro, que foi deseñada pola artista Ana Vidal Suárez e realizada polos Ferreiros de Mazonovo. Deste xeito conmemorarase o Día Internacional das Mulleres.
A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “este 8 de marzo, marcado pola pandemia que estamos a vivir desde a Concellaría de Igualdade de Ribadeo queremos aproveitar esta efeméride para facer un homenaxe a todas as mulleres do noso concello. Queremos ensalzar ás mulleres, como provedoras deses coidados invisibles en moitas ocasións, como suxeitos que resisten e soportan as discriminacións cotiás polo único feito de ser mulleres. Como aquelas, que están a sufrir aínda máis as consecuencias da pandemia. Por elas e para elas!! Por iso, o vindeiro 6 de marzo ás 12.00 horas inaugurarase unha escultura de grandes dimensións forxada en ferro, que se colocará na Praza 8 de Marzo”.
A edil ribadense explicou que “esta escultura denominouse pola artista que a deseñou, Ana Vidal Suárez, como Son o poder dentro de min. A obra xurde da necesidade de representar o feminino desde unha perspectiva ampla, complexa e profunda. Materializa a enerxía feminina nun poderoso elemento central, o espírito das mulleres que coa súa presenza busca ser o reflexo e inspiración daquelas que o observen, condensando unha maior densidade de materiais que nos transmiten forza e firmeza, á par que as súas liñas, sinuosas, case líquidas, outórganlle un carácter de liberdade e fluidez. Xorde a manifestación máis física da muller na forma de tres rostros que representan as tres idades clásicas: a nena, a muller e a anciá”.
Mariluz Álvarez Lastra dixo que “a escultura é unha obra composta por ferro forxado realizada polos Ferreiros de Mazonovo, integrado actualmente por Friedrich Bramsteild, un mestre ferreiro austríaco de sétima xeración e Paz Prieto, unha restauradora que chegou á zona hai 4 anos para aprender o oficio da forxa. Ana Vidal, a deseñadora da obra é unha artista e deseñadora, licenciada en Belas Artes na especialidade de escultura pola Universidade de Vigo”.
ESPAZO DE AUTOCOIDADO
A concelleira de Igualdade engadiu que “ademais ao longo deste mes poranse en marcha diferentes iniciativas das que iremos informando como talleres nos centros educativos de Secundaria e a creación do Espazo de autocoidados en tempos de pandemia. Este espazo, por medio do programa Vou quererme, ten como obxectivo fomentar o empoderamento e a autoestima das mulleres adultas. Será dinamizado pola psicóloga Marina López de Prado en sesións reducidas de 5 persoas. Levaranse a cabo 10 sesións dunha duración de 1 hora e 30 minutos. O prazo para anotarse a esta actividade finaliza este venres, 5 de marzo. Pode realizarse a inscrición ben chamando ao 982 120 739 ou escribindo un correo electrónico a cim@ribadeo.org”.
O Concello de Ribadeo participará nos diferentes actos organizados polo feminismo galego representados na plataforma Galegas 8M “que na nosa vila consistirá nunha manifestación que decorrerá o propio 8 de marzo gardando todas as medidas de seguridade existentes nesa data”.