Ribadeo impulsará unha nova ordenanza para ordenar o estacionamento de caravanas

AMariñaXa
O Concello prepara un borrador que consensuará co sector para garantir unha convivencia equilibrada e avanzar cara a un turismo de maior calidade
Ribadeo-caravanas-aparcadas-2025
24 Nov 2025

O Concello de Ribadeo está a ultimar unha ordenanza destinada a regular o estacionamento das caravanas no municipio. O alcalde, Dani Vega, explicou que o Goberno local leva meses traballando nun documento base que pretende presentar ao propio sector para consensuar unha norma “que permita convivir con normalidade, que ordene e que contribúa a un turismo máis responsable e de calidade”.

Segundo detallou o rexedor, o obxectivo é marcar claramente que prácticas son aceptables e cales non. Vega advertiu de que actualmente existen situacións que non se poden seguir permitindo: “Non podemos consentir que se aparque en espazos naturais ou miradoiros, e tampouco que se ocupen aparcadoiros convencionais con caravanas que xa fixan alí unha vivenda. Hai límites que debemos establecer para protexer o territorio e ofrecer unha experiencia turística coherente co modelo que defendemos”.

O alcalde insistiu en que a futura ordenanza buscará establecer regras claras e compartidas: “Unha ordenanza regula e dá seguridade. E se está pactada co propio sector, será unha ferramenta útil para todos”, sinalou. Para Vega, trátase dun paso necesario que moitos concellos levan anos dado e que Ribadeo aínda tiña pendente: “Esta normativa debía existir hai tempo. Nós, nestes dous anos, estamos revisando e actualizando moitas regulacións, e esta é fundamental se queremos avanzar no turismo de calidade”.

O mandatario local subliñou ademais que a iniciativa non só parte do Concello, senón tamén das propias voces do sector caravanista: “Son eles mesmos os que nos trasladan que non se pode permitir todo. E teñen razón. Apostar polo turismo non é abrir a porta a calquera práctica, senón contar con normas claras que garantan o respecto polo entorno e pola convivencia”.

Vega concluíu que Ribadeo seguirá avanzando nesa liña: “Queremos unha ordenanza que funcione, que se aplique e que deixe claro que este concello aposta pola calidade. Con normas claras, todos gañamos”.

⚙ Configurar cookies
0.07626485824585