Ribadeo impulsa unha nova Aula de Teatro para fomentar a interpretación entre a veciñanza

O Concello de Ribadeo porá en marcha unha Aula de Teatro dirixida a todas aquelas persoas interesadas no mundo da interpretación, unha proposta cultural que dará comezo o 15 de marzo e que busca crear un espazo de aprendizaxe e expresión artística aberto á participación cidadá.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que desde o departamento municipal pretenden animar á veciñanza a descubrir ou afondar no ámbito teatral. Segundo indicou, a actividade está pensada tanto para quen queira iniciarse na interpretación como para aquelas persoas que desexen mellorar a súa expresión corporal, a creación de personaxes ou a capacidade de comunicación.
O proxecto desenvolverase a través dunha sesión mensual de tres horas, na que os participantes poderán traballar diferentes aspectos da práctica teatral nun ambiente creativo e participativo. A experiencia culminará cunha representación final colaborativa prevista para o mes de maio, na que se mostrarán os resultados do traballo realizado durante os ensaios.
A Aula de Teatro estará dirixida por Rubén Pérez Pombo e Daniel Vázquez Vila, encargados de guiar o proceso formativo e creativo das persoas inscritas.
A primeira sesión terá lugar o domingo 15 de marzo ás 10.30 horas no Teatro de Ribadeo, aínda que a previsión é que os ensaios se desenvolvan posteriormente os sábados pola mañá.
Desde a Concellería de Cultura destacan que esta iniciativa pretende dinamizar a actividade cultural local e ofrecer novas oportunidades de participación artística, ao tempo que se fomenta o contacto co teatro e coa creación escénica.