Ribadeo impulsa un taller de risoterapia para promover o benestar e a conexión persoal

A Área de Igualdade do Concello de Ribadeo, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM), vén de presentar unha nova proposta para fomentar a saúde emocional e o encontro comunitario. Trátase do taller de risoterapia “Escarállate de risa”, que terá lugar entre o 25 de setembro e o 2 de outubro.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que a iniciativa desenvolverase na Casa de El Viejo Pancho, en horario de 11:30 a 13:00 horas. “Queremos que as asistentes rían, conecten e gocen dun espazo único de diversión e benestar”, subliñou.
O taller será impartido por Ana Fernández Bango e está dirixido ás mulleres de Ribadeo. A inscrición, que se abre mañá día 12, é gratuíta, pero con prazas limitadas. As persoas interesadas poden anotarse chamando ao 982 120 739 ou acudindo presencialmente ao auditorio municipal Hernán Naval, en horario de 10:00 a 13:00 horas. O prazo permanecerá aberto ata o 19 de setembro.
Sanjurjo animou á participación lembrando que se trata dunha oportunidade para desconectar das rutinas e recuperar enerxía positiva: “Non perdas a ocasión de escarallarte de risa e de cargar as pilas de bo humor”.