Ribadeo impulsa o seu polígono industrial cunha rebaixa do 35 % no prezo do solo

O Concello de Ribadeo dá un paso adiante na consolidación do seu polígono industrial grazas á rebaixa do 35 % no prezo do solo, unha medida que o alcalde, Dani Vega, cualificou como un “salto cualitativo e cuantitativo” para o desenvolvemento económico da vila.
O rexedor ribadense explicou que esta redución foi posible tras intensas xestións co organismo estatal Sepes, que finalmente escoitou a proposta do Concello. “Ata agora temos un polígono, pero non industrial. Era necesario un cambio real, e esta baixada de prezo é clave para a súa dinamización”, apuntou Vega.
A rebaixa do solo industrial era unha demanda histórica en Ribadeo. Segundo o alcalde, este cambio supón unha gran oportunidade para atraer empresas e diversificar a economía local. “Temos que ser competitivos e situarnos na estratexia económica de moitas compañías que buscan espazos industriais. Con esta medida, Ribadeo convértese nun destino atractivo para novos proxectos empresariais”, destacou.
O Concello seguirá traballando con Sepes para desenvolver unha estratexia conxunta de comercialización e promoción do polígono industrial. “Agora toca avanzar na difusión desta oportunidade e seguir apostando polo crecemento económico de Ribadeo”, concluíu Vega.