Ribadeo impulsa melloras nas zonas verdes do porto para reforzar a seguridade

O Concello de Ribadeo puxo en marcha unha actuación de limpeza e conservación nas inmediacións do porto, co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza e dos visitantes nunha área que rexistraba problemas recorrentes. As tarefas abranguen desde a Fonte de Guimarán ata a capela de San Miguel e esténdense tamén á contorna do ascensor panorámico.
Segundo explicou o alcalde, Dani Vega, tratábase dunha intervención necesaria: “Durante anos houbo desprendementos de terra e acumulación de maleza que afectaban directamente á rúa Calvo Sotelo e mesmo á entrada da zona do Cargadeiro. Era unha cuestión de seguridade que non podiamos seguir adiando”.
O rexedor lembrou que a obra se executa coa colaboración da Xunta de Galicia e que xa fora anunciada meses atrás, cun calendario previsto para despois do verán. Os traballos inclúen tanto a retirada de terra e vexetación en risco como accións de conservación que permitan previr novos incidentes.
“Na contorna do ascensor panorámico tamén había desprendementos. O primeiro paso é limpar e asegurar a zona para que sexa un espazo seguro, e o segundo, establecer un mantemento constante que evite que o problema se repita. A idea é que estas melloras garantan un porto máis seguro e, ao mesmo tempo, con espazos verdes en boas condicións”, engadiu Vega.
Con esta actuación, o Concello busca compatibilizar a posta en valor dos espazos públicos coa seguridade cidadá, convertendo a zona portuaria nun ámbito máis accesible e atractivo.