Ribadeo impulsa catro charlas sobre o coidado da pel destinadas ás persoas maiores

O Concello de Ribadeo, a través da Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia, vén de anunciar a celebración de catro charlas formativas sobre o coidado da pel, especialmente dirixidas á poboación maior do municipio. A iniciativa desenvolverase ao longo do mes de maio en diferentes parroquias, cun enfoque práctico centrado na prevención e no manexo das úlceras por presión.
Esta nova acción encádrase no programa Preto de Ti, unha proposta que ten como finalidade achegar recursos de saúde e autocoidado á veciñanza, con especial atención ás persoas maiores e aos seus coidadores. Segundo explicou a concelleira Elena Sierra, trátase de ofrecer ferramentas “sinxelas pero efectivas” que melloren a calidade de vida da cidadanía.
As datas e lugares das charlas serán os seguintes:
14 de maio, ás 18:00 horas, en Ribadeo
15 de maio, ás 16:00 horas, en Cedofeita
26 de maio, ás 16:00 horas, en Cinxe
27 de maio, ás 18:00 horas, en Vilaselán
As sesións serán impartidas pola enfermeira María Roel, quen abordará os coidados básicos da pel, a súa valoración e o recoñecemento dos sinais de alerta. Tamén se tratarán aspectos clave sobre o envellecemento cutáneo e as estratexias preventivas fronte ás úlceras por presión, unha das complicacións máis habituais entre persoas con mobilidade reducida.
“El coidado diario da pel pode parecer un detalle menor, pero é clave para evitar lesións que poden derivar en problemas serios”, advertiu Sierra. A edil convidou a toda a veciñanza a participar: “Estas sesións pretenden ser un espazo de aprendizaxe e de prevención, onde o coñecemento se converta nun aliado da saúde e do benestar colectivo”.