Ribadeo impulsa a terceira edición do programa “Saúde e Emerxencias” para formar o alumnado en prevención e primeiros auxilios

AMariñaXa
Máis de 140 estudantes de catro centros educativos participarán en novembro nesta iniciativa municipal que combina educación sanitaria, prevención do consumo e adestramento práctico en RCP e uso do desfibrilador.
rcp-desfibrilador
6 Nov 2025

O Concello de Ribadeo, a través da Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia, poñerá en marcha o vindeiro martes, 11 de novembro, a terceira edición do proxecto “Saúde e Emerxencias”, unha iniciativa formativa dirixida á mocidade que combina a prevención do consumo de substancias con nocións básicas de primeiros auxilios.

O programa, que se desenvolve dentro do Plan de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Adictivos, conta coa colaboración do enfermeiro e instrutor Camilo Vázquez Corveiras, coordinador autonómico de SEMES RCP e especialista en soporte vital avanzado.

As sesións abordarán temas como os efectos do alcohol e do cannabis, como actuar ante unha intoxicación, activar o 061 ou empregar correctamente un desfibrilador. O alumnado participará en dinámicas audiovisuais e prácticas guiadas, cunha duración aproximada de dúas horas por grupo.

Nesta terceira edición participarán máis de 140 estudantes de 4º da ESO do IES Dionisio Gamallo Fierros, do Colexio Sagrado Corazón, e do IES Enrique Muruais da Pontenova, así como o alumnado de 1º e 2º de FP Básica do CIFP Porta da Auga.

O proxecto arrincará o 11 de novembro no CIFP Porta da Auga e continuará durante todo o mes nos distintos centros educativos, traballando con grupos reducidos para garantir que todos e todas poidan practicar manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e adquirir coñecementos prácticos en seguridade sanitaria.

⚙ Configurar cookies
0.070458889007568