Ribadeo impulsa a rehabilitación do seu patrimonio histórico con novas subvencións

AMariñaXa
As axudas, que poderán chegar ata os 21.400 euros, estarán dispoñibles durante tres meses para inmobles do casco histórico e do Ari de Rinlo
261021-Foto-Concello-Ribadeo
4 May 2025

O Concello de Ribadeo anima ás persoas propietarias de vivendas situadas no casco histórico da vila e no ámbito de rehabilitación integral (Ari) de Rinlo a aproveitar o novo programa de subvencións dirixido á recuperación e conservación do patrimonio construído. O prazo para solicitar estas axudas estará aberto durante tres meses a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

O alcalde, Dani Vega, destacou a importancia desta iniciativa para continuar avanzando na posta en valor do conxunto histórico ribadense e do núcleo mariñeiro de Rinlo. “O noso obxectivo é rehabilitar, conservar e coidar o noso patrimonio. Ribadeo leva vinte anos como Ben de Interese Cultural, e durante este tempo todos os gobernos municipais traballaron para que o noso casco histórico sexa un referente na provincia pola súa vitalidade e renovación”, sinalou.

As axudas, que oscilan entre os 8.000 e os 21.400 euros por vivenda, poden cubrir entre o 40% e o 80% do custo da actuación, en función do grao de eficiencia enerxética acadado. “A prioridade está en reducir o consumo de enerxía primaria non renovable, mellorar cubertas, peches e reducir a demanda anual de calefacción e refrixeración. Todo isto puntúa nun baremo que vai de 10 a 30 puntos”, explicou o rexedor.

Para acceder ás subvencións será preciso que a actuación supoña unha redución mínima do 30% na enerxía primaria non renovable e do 35% na demanda enerxética global anual. Ademais, os propietarios contarán cun prazo amplo para executar e xustificar as obras, ata o 30 de abril de 2026.

O alcalde subliñou o apoio municipal a todas as persoas interesadas: “Dende o Concello queremos que os nosos veciños e veciñas se animen a rehabilitar as súas vivendas, contribuíndo así a manter viva a esencia do noso patrimonio”.

⚙ Configurar cookies
0.060652017593384