Ribadeo impulsa a rehabilitación do Círculo Habanero da Devesa para preservar o seu patrimonio indiano

O Concello de Ribadeo continúa co seu plan de posta en valor dos locais sociais das parroquias e acaba de anunciar novas actuacións no Círculo Habanero da Devesa, un inmoble con marcado legado histórico e arquitectónico ligado á emigración indiana.
O alcalde, Dani Vega, destacou a importancia de colaborar co tecido asociativo: “seguimos mellorando todos os locais sociais das parroquias e apoiando o traballo das asociacións de veciños, que son quen dan vida e dinamismo ás nosas comunidades”. O rexedor subliñou que desde o Concello se agradece o labor das entidades, “porque grazas a elas podemos reivindicar, xestionar orzamento e mellorar as instalacións que manteñen viva a actividade nas parroquias”.
No caso concreto da Devesa, Vega explicou que a intervención permitirá eliminar barreiras arquitectónicas e mellorar servizos básicos como o sistema eléctrico e a fontanería. Tamén se levará a cabo o pintado do edificio principal e a reforma do escenario da planta baixa, espazo destinado á celebración de actividades culturais ao longo do ano.
As obras contan cunha subvención de arredor de 12.000 euros, á que se suma un convenio excepcional da Xunta de Galicia co propio Círculo Habanero. Ademais, dispón dun orzamento próximo aos 5.000 euros para dotar o espazo de novo mobiliario —mesas, cadeiras, arquivadores— e equipamento informático.
“Seguimos colaborando coas asociacións e xestionando recursos para mellorar instalacións que son municipais ou compartidas, pero sempre en unión coa veciñanza, porque así é como avanzamos máis rápido”, concluíu o alcalde.