Ribadeo iluminouse de rosa para apoiar a loita contra o cancro de mama
O Concello de Ribadeo iluminouse de rosa a noite deste xoves no marco da loita contra o cancro de mama e o alcalde, os concelleiros e representantes da Asociación Española contra o cancro de Ribadeo concentráronse no Pazo de Ibáñez.
A iniciativa pretendía conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama, aínda que dende o Concello querían ter en conta a todos os que sofren calquera tipo desta enfermidade: “Queremos acordarnos tamén de todas esas persoas que loita contra calquera tipo de cancro”, manifestou a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra.
Sierra quixo destacar o significado da cor nesta xornada: “O rosa é máis ca unha cor. O rosa é investigación, é atención gratuíta ás persoas con cancro e aos seus familiares, é detección precoz. O rosa é hoxe máis ca unha cor, é o apoio de todos e todas os ribadenses”.