Ribadeo homenaxeará a El Viejo Pancho en xullo de 2024 coincidindo co centenario do seu pasamento
O Concello prepara unha homenaxe a El Viejo Pancho, que terá lugar en xullo de 2024, coincidindo co centenario do seu pasamento. Coa cita colaborarán o Goberno uruguaio e tamén o consulado. No Pazo de Ibáñez o alcalde, Dani Vega, e as concelleiras de Cultura e Benestar Social, Begoña Sanjurjo e Elena Sierra, recibiron a Ramiro Rodríguez, o cónsul de Uruguai en Galicia co que abordaron esta cuestión.
O alcalde, Dani Vega, deulles á benvida ao cónsul e ao seu equipo: “alegrámonos de acoller ao cónsul de Uruguai, Ramiro Rodríguez, recibímolo coas mans abertas, que senta o abrazo profundo do pobo de Ribadeo. Esa relación que temos con Uruguai e con todo Latinoamérica é profunda. Este pobo é distinto na arquitectura, non é típico en Lugo ver estas construcións indianas e seguramente cando chegastes a Ribadeo lembrastes a Uruguai por este motivo”.
O rexedor dixo que “en Ribadeo sabemos acoller, porque nos acolleron sempre e iso é de destacar. Queremos que o cónsul e o seu equipo sentan ben acollidos en Ribadeo, gozar deste pobo, que é acolledor”.
Vega anunciou que o Concello prepara unhas xornadas para lembrar a figura de El Viejo Pancho: “e nós, como goberno local, estamos a preparar unhas xornadas para lembrar ao Vello Pancho. É bo lembrar a persoas do calibre deste escritor e poeta. A programación levarémola a cabo no ano 2024, cando se cumpran 100 anos do seu falecemento. A concelleira de Cultura será a encargada de coordinar e deseñar estas xornadas en colaboración con todo o goberno e cos técnicos municipais, co goberno de Uruguai e con vostede, co cónsul, e seguramente que imos lembrar ao Vello Pancho desa forma que facemos os ribadenses, que é con agarimo, con lealdade e sempre pensando en Ribadeo”.
Ramiro Rodríguez, cónsul de Uruguai, sinalou que “cada vez que vimos volvémonos encantados porque, ademais de que é unha preciosa cidade, sempre sentimos o gran abrazo que nos transmitía o querido alcalde non só do goberno municipal senón tamén da xente. Aquí sempre se está moi ben. Hai moitos elementos que unen a Ribadeo con Uruguai, a xigante figura do Vello Pancho, Juana de Ibarburu, así que encantados de poder participar nesta conmemoración o ano próximo dos 100 anos do falecemento de Alonso e Trelles. Contan desde xa connosco e polo noso intermedio tamén coas autoridades en Uruguai para traballar para que sexa un lindo acto e que sirva para reposicionar a figura do Vello Pancho non só aquí en Ribadeo senón tamén en Uruguai. Estas figuras hai que rescatalas e dalas a coñecer sobre todo aos máis novos”.
E engadiu: “tomamos as súas cálidas palabras querido alcalde, seguiremos vindo aquí unha e outra vez, encántanos Ribadeo, a Torre dos Moreno, a Illa Pancha… estamos encantados de estar aquí”. O cónsul de Uruguai asinou no libro de honra do Concello, onde aludiu aos lazos que unen a Ribadeo co seu país.