Ribadeo homenaxea o espírito ilustrado de Antonio Raimundo Ibáñez cunha fin de semana de cultura e historia

AMariñaXa
A quinta edición do Ribadeo Ilustrado combinará música, teatro e visitas patrimoniais do 13 ao 15 de xuño, cunha programación centrada na figura do marqués de Sargadelos
II-Ribadeo-ilustrado-2022-1
8 Jun 2025

O Concello de Ribadeo xa ten todo preparado para celebrar, entre o 13 e o 15 de xuño, a quinta edición do Ribadeo Ilustrado, un evento que mestura divulgación histórica, artes escénicas e visitas patrimoniais, cun eixo temático claro: a figura de Antonio Raimundo Ibáñez, empresario ilustrado e marqués de Sargadelos.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, salientou que a iniciativa “volve poñer o foco na nosa historia ilustrada para dinamizar o presente cultural e turístico da vila”, ao tempo que se valoriza “o noso patrimonio material e inmaterial a través dunha programación pensada para todos os públicos”.

O Ribadeo Ilustrado forma parte dunha aposta estratéxica do Concello para consolidar o municipio como referente cultural na Mariña Lucense. A programación está concibida como unha oportunidade para recuperar a memoria colectiva e fomentar a participación cidadá, facendo da cultura unha ferramenta de cohesión social.

Un legado industrial e ilustrado

Antonio Raimundo Ibáñez, natural de Santa Eulalia de Oscos, foi unha figura clave do século XVIII na Mariña. Como emprendedor, transformou o porto de Ribadeo nun dos máis relevantes do Cantábrico, cunha ampla actividade comercial que chegou a ter conexións transoceánicas. Máis adiante, impulsou a fundación da célebre fábrica de Sargadelos, no concello de Cervo, referente industrial pioneiro en Galicia e símbolo da modernidade ilustrada.

Nesta edición, o programa rende tributo á súa traxectoria con múltiples actividades que percorren os lugares que marcaron a súa vida e obra. O sábado 14, por exemplo, haberá unha visita guiada desde Ribadeo á súa casa natal en Santa Eulalia de Oscos e ao Museo Histórico de Sargadelos. A viaxe en autobús é gratuíta, pero precisa inscrición previa a través da web turismo.ribadeo.org ou da Oficina de Turismo (982 128 689).

Música, teatro e camiños con historia

O venres 13, o evento comezará cunha presentación no Pazo de Ibáñez e un concerto de marimba a cargo de Noè Rodrigo, baixo o título “Camiño á Ilustración”.

O domingo 15, a proposta principal será un paseo escénico e musical polos principais puntos históricos de Ribadeo, como a Porta da Vila, o Pazo de Miranda, a Casa do Patín ou o Forte de San Damián. A actividade contará coa participación de guías, músicos e grupos de teatro locais, como o Grupo de Teatro de Ribadeo, Amigos da Gaita ou a Escola Municipal de Música.

A xornada pecharase cunha visita teatralizada ao Forte de San Damián, protagonizada por Dorinda, a augadora, e os soldados da fortaleza, nunha recreación histórica que busca achegar o pasado de forma lúdica e amena.

Todas as actividades son de balde e abertas ao público. “Queremos que veciñanza e visitantes se sintan partícipes dunha historia que é nosa e que merece ser contada con orgullo e emoción”, concluíu Sanjurjo.

PROGRAMA COMPLETO

Programa Ribadeo Ilustrado 2023
⚙ Configurar cookies
0.17364120483398