Ribadeo fixo unha sentida homenaxe aos patróns maiores da Confraría de Pescadores

AMariñaXa
Descubriron un mural e unha placa na lonxa da localidade
homenaxe-patrons-maiores-lonxa-ribadeo
Un momento da homenaxe
21 Xul 2024

Ducias de persoas asistiron en Porcillán á sentida homenaxe aos patróns maiores da Confraría de Pescadoras de Ribadeo. Comisión organizadora, Concello e pósito foron os encargados do acto, no que se descubriron un mural pintado por Joseba e unha placa cos nomes de todos os responsables da confraría ribadense.

O primeiro en intervir foi o actual patrón maior, Javier Martínez, que moi emocionado lembrou a todos os seus antecesores: “quero facer un recoñecemento público a todas as persoas que nun momento determinado tiveron a oportunidade de ser patróns maiores polo seu compromiso co sector pesqueiro, polo seu enorme traballo e polo seu bo facer ao longo de todos estes anos”. E tamén aludiu ás compañeiras e aos compañeiros que xa non están “polo seu legado de compañeirismo e amizade”.

Jesús Puelles, membro da comisión organizadora, contou as lembranzas de moitos anos dedicados ao mar así como a relación que mantivo cos patróns maiores e con coñecidos mariñeiros de Ribadeo. Dixo que a fortaleza é a palabra que define ao sector e tivo palabras de lembranza e recoñecemento para as mulleres dos mariñeiros e para as mariscadoras de Ribadeo.

Para o alcalde, Daniel Vega, “é importante que este acto se faga nas festas do Carme. O sector primario tivo momentos grandiosos, agora non tanto, pero sigue representando moito en Ribadeo desde o punto de vista económico, pero quedádevos sobre todo co punto de vista humano e sentimental”.

O rexedor dixo: “é importante o recordo a un sector que foi grande e ten que seguir sendo grande. Sentimento, sector e honra. Iso pode ser a conclusión deste acto. E eu tamén quero recordar a Jesús, a Pedro, a Roberto e a gran Laura, porque cando viñeron ao Concello non viñan pedir, senón que viñeron dicirnos que querían honrar aos patróns maiores, darlles as grazas e recordalos por sempre cunha placa e cun mural e iso emocionoume”. E engadiu: “grazas a todos, o acto de hoxe queda sinalado no calendario, sentídevos orgullosos de pertencer a un pobo grande, que se chama Ribadeo”.

Foron patróns maiores da Confraría de Pescadores de Ribadeo: José Ramos, José López, Antonio Pérez, Secundino Balsa, José Domingo Rajal, Domingo Fernández, Celia Pacio, José Luis García, José Ángel Redondo e Javier Martínez, o actual.

Ao acto ambientado por un piano asistiron, entre outros, a directora provincial de Pesca da Xunta, Mariña Gueimunde, as concelleiras de Seguridade, Turismo e Benestar Social, Montse Seijo, Marta Saiz e Elena Sierra, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Pablo González, así como familiares e amigos das persoas homenaxeadas.

0.077684164047241