Ribadeo, exemplo de accesibilidade recoñecido pola Federación Española de Municipios e Provincias

AMariñaXa
O rexedor, Dani Vega, formou parte dun encontro celebrado pola Federación de Municipios e Provincias (FEMP)
ribadeo-femp
10 Jul 2025

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, participou nun encontro celebrado en Madrid organizado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), onde o concello ribadense foi destacado como un exemplo a seguir en materia de accesibilidade.

O rexedor explicou que “no encontro que tivemos moitos concellos e tamén provincias de toda España, Ribadeo foi recoñecido como un municipio que nos últimos anos camiñou e fixo o traballo ben feito no tocante á accesibilidade. Falo de mellorar os edificios, de facelos máis accesibles, falo da rampla da Praza de Abastos, tamén máis accesible a Escola de Música con ese ascensor, con esa rampla para que moitas persoas poidan acudir, tamén facer máis accesible o centro de día, o centro social, a praza Pancho Maseda, que ata e agora era imposible acudir, e agora si cunha cadeira de rodas, ou tamén entrando calquera vehículo para que no centro social poida entrar unha ambulancia. Facer máis accesible tamén a biblioteca municipal, ata o de agora non se podía entrar cunha cadeira de rodas, hoxe xa se pode facer”.

Vega destacou tamén que “melloramos a accesibilidade dos edificios e tamén melloramos a accesibilidade nas rúas. Todas esas melloras que se foron facendo nas rúas, facelas máis accesibles, tamén foi recoñecido Ribadeo. É un orgullo que se fixen en Ribadeo, queda moito por facer, evidentemente, estamos traballando en moitas propostas, en colaboración coa Federación de Municipios e Provincias, pero estamos orgullosos de que se recoñeza o noso traballo, iso é dicir con moita claridade que todos os concellos de España, todas as provincias de España se fixan en Ribadeo por un traballo ben feito”.

O alcalde tamén aproveitou para recoñecer o labor do persoal técnico municipal: “Isto tamén é grazas aos técnicos municipais, tanto o arquitecto do Ari como o arquitecto que leva toda a humanización e urbanización do Ribadeo. Quero felicitar aos técnicos municipais e tamén a Área de Benestar Social, porque está facendo un traballo moi importante de recoller datos e tamén asesorar ao goberno para facer Ribadeo mais accesible”.

Por último, Dani Vega apuntou que “repito, estamos diante dun traballo ben feito, pero queda moito por facer, nada de estar evidentemente tranquilos, queda moito por facer porque as persoas son o centro da nosa actividade e polo tanto creo que entre todos debemos facer a Ribadeo moito máis accesible”.

⚙ Configurar cookies
0.076263904571533