Ribadeo estreita lazos coa asociación Fraternidade para reforzar a atención social

O Concello de Ribadeo colaborará coa asociación Fraternidade, unha entidade que presta atención a un número significativo de veciños e veciñas do municipio. O alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, visitaron recentemente as instalacións da asociación en Tapia de Casariego, en Asturias, co obxectivo de coñecer de primeira man o traballo que desenvolven e explorar futuras liñas de cooperación.
Durante a visita, o rexedor explicou que desde o goberno local se quixo “escoitar, visitar e visualizar todo ese labor”, así como recoller propostas que permitan concretar colaboracións estables no tempo. Dani Vega puxo en valor o papel social da entidade, lembrando que Fraternidade atende a moitas persoas, “moitas delas de Ribadeo”, polo que considerou fundamental non deixar á marxe unha asociación que sitúa “o valor da persoa no centro” da súa actividade diaria.
O alcalde destacou tamén que Fraternidade representa un modelo de traballo colectivo centrado na atención individual, incidindo na importancia de establecer canles de colaboración non só entre o Concello e a asociación, senón tamén entre distintas administracións. Neste sentido, subliñou a necesidade de abrir vías de comunicación tanto coa Xunta de Galicia como co Principado de Asturias.
Dani Vega cualificou o encontro como “unha visita moi proveitosa” e agradeceu expresamente o esforzo e a dedicación do equipo da asociación. Ademais, anunciou que o Concello de Ribadeo estará presente nas actividades que desenvolva Fraternidade e que se iniciará un traballo conxunto a partir de agora, coa vontade de seguir apostando por políticas sociais que poñan no centro ás persoas.