Ribadeo estrea o miradoiro das Carrallas, o segundo do paseo marítimo

AMariñaXa
Vega explica que era un espazo que estaba certamente abandonado, onde aparcaban coches e caravanas
Foto-miradoiro-Carrallas
23 Oct 2025

Ribadeo estrea novo miradoiro sobre a ría. Está situado nas Carrallas e é o segundo que se habilita no paseo marítimo nos últimos meses.

O alcalde, Dani Vega, declarou: “seguimos poñendo en valor espazos que estaban abandonados ou non dándolles un uso concreto. Pasaba neste espazo que está concretamente situado nas Carrallas, que había un espazo ao que non se lle estaba dando un uso correcto. Aí aparcaban coches, caravanas.. todo era verdadeiramente un desastre”.

O rexedor explicou que “o que quixemos foi construír un miradoiro coa colaboración de Costas do goberno do Estado, ao que lle dou as grazas por seguir investindo e mellorando un espazo que é marabilloso dende O Cargadeiro á Illa Pancha. Todo este miradoiro, que está construído con elementos da terra, con madeira, poñendo en valor todo o espazo para contemplar a marabilla da ría”.

Vega cre que “iso é o que hai que seguir facendo, espazos que non están coidados, evidentemente conservar, coidar, espazos onde hai un uso incorrecto, darlles unha volta, unha análise e poñelos en valor e a comparación coa mellora é visible. Pasar de aparcar coches ou caravanas a ter un espazo para relaxarte e contemplar o medio natural, a ría, con elementos naturais. Tamén eses espazos nos que había contadores eléctricos, que estaban feitos de calquera maneira, disimulalos, adornar, decorar, pero con elementos naturais, eu creo que é un valor engadido”.

E engadiu: “repito, grazas a Costas, á colaboración que está tendo co Concello de Ribadeo, grazas ao Estado polo seu financiamento, e desde logo vamos seguir, xa o fixemos no miradoiro chamado agora de Loctudy, que tamén era un espazo que estaba certamente abandonado, onde aparcaban coches, caravanas, e agora converteuse nun espazo onde hai moitas familias, onde hai moitos visitantes, moitos veciños que están relaxados, contemplando a ría e desfrutando do medio natural, do medio ambiente, que tan importante é para todos”.

⚙ Configurar cookies
0.17876505851746