Ribadeo énchese de deporte base coa chegada de máis de 900 nenos ao XX Torneo Alevín e Biberón da SD Ribadeo

A vila de Ribadeo converterase esta fin de semana no epicentro do fútbol base coa celebración do XX Torneo Alevín e Biberón da SD Ribadeo, un evento que reunirá máis de 900 xogadores e 150 adestradores de equipos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, e incluso de Portugal e Reino Unido. Os encontros desenvolveranse en tres escenarios distintos: o estadio municipal Pepe Barrera, o CEIP Gregorio Sanz e o Campo da Vía.
Durante o acto de presentación, no que participaron representantes institucionais e deportivos, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou que “desde o Concello apoiamos estes torneos non só polo seu valor deportivo, senón tamén polo impulso económico e turístico que representan para Ribadeo”.
Neste mesmo sentido se pronunciou a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, quen sinalou que “estas tres fins de semana van ser clave para o comercio e a hostalería local, coincidindo co inicio da tempada alta”.
O presidente da SD Ribadeo, Óscar Otero, destacou o crecemento constante do evento, que nesta edición conta con máis de 160 equipos inscritos: “seguimos medrando e iso supón que moitas familias escollan Ribadeo para vivir esta festa do fútbol, favorecendo a economía local”. Agradeceu tamén a colaboración das institucións e, moi especialmente, das familias do club “que fan posible que esta gran cita sexa un éxito cada ano”.