Ribadeo enche o Camiño de música con catro concertos entre setembro e outubro

Ribadeo converterase en escenario musical durante as vindeiras semanas coa celebración do ciclo Concertos no Camiño, unha iniciativa promovida pola asociación Catro Canos que conta co financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello. A programación inclúe catro citas entre o 20 de setembro e o 11 de outubro, con actuacións en diferentes lugares polos que transcorre o Camiño Norte no seu paso pola vila.
A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, subliñou que “o Concello de Ribadeo aposta claramente polo Camiño Norte, promovendo actividades ao longo de todo o ano. No verán celebramos diversos mercados de rúa e agora, xa pasada a tempada estival, queremos seguir dinamizando con propostas culturais e musicais da man de Catro Canos”.
A edil destacou que o ciclo “reunirá grupos locais e da contorna, contribuíndo así a visibilizar o talento da zona e a encher de música espazos emblemáticos do Camiño”. O calendario arrinca este sábado, 20 de setembro, ás seis da tarde no peirao de Porcillán coa actuación de Cabuxa Blue e un artista convidado. A segunda cita será o 27 de setembro ás dez da noite na Praza de España con Pantera Rosa; a terceira, o 4 de outubro ás dez da noite en San Francisco con No Limit; e o ciclo pecharase o 11 de outubro ás dez da noite na Capela de San Lázaro coa banda Kornucopia.
“Queremos agradecer á asociación Catro Canos a organización destes Concertos no Camiño e tamén á Xunta de Galicia pola súa financiación. O traballo conxunto é o que realmente fai que Ribadeo avance”, engadiu Saiz, quen convidou á veciñanza e visitantes a gozar desta proposta cultural.