Ribadeo e Loktudi fortalecen os lazos de irmandade nun emotivo reencontro en Bretaña

Ribadeo continúa a afondar na súa relación de irmandade con Loktudi, a vila bretoa coa que comparte vencellos desde hai case dúas décadas. Un grupo de 32 persoas regresou recentemente dunha intensa viaxe a esta localidade da Bretaña francesa, realizada entre os días 1 e 9 de xullo, na que se combinou cultura, historia, natureza e, sobre todo, convivencia coas familias de acollida.
A expedición iniciou o seu percorrido con paradas en Mutriku, Castets e La Roche-Bernard, antes de chegar a Loktudi, onde foron recibidos cun emotivo reencontro amenizado pola actuación da Bagad, a agrupación de música tradicional da vila.
O día 3 comezou cunha visita ao mercado de Pont-L’Abbé, seguida dunha actuación do coro escolar de Saint Tudy. Tras unha comida campestre e unha introdución á billarda galega, o grupo participou nunha visita guiada á igrexa románica de Loktudi, que acollía unha mostra temporal sobre o Camiño de Santiago. No seu adro localízase unha cruz sobre menhir que fora recollida por Castelao na súa obra As Cruces de Pedra na Bretaña. Nese mesmo día inaugurouse un novo sinal que marca a distancia exacta a Ribadeo (950 km en liña recta), símbolo do vínculo entre as dúas vilas.
O acto institucional na Casa do Concello contou coas intervencións do alcalde de Loktudi, do presidente da súa asociación de irmandade, coa lectura dunha mensaxe do alcalde ribadense Daniel Vega, e coas palabras do presidente da Asociación de Irmandade Ribadeo-Loktudi, Anxo Martíns, quen convidou ás familias bretoas a visitar Ribadeo en 2026, coincidindo co vixésimo aniversario da sinatura da carta de irmandamento. A xornada rematou cunha cea de confraternidade no pazo de Dourdy.
O día 4, as actividades foron máis variadas: obradoiros de pintura, visitas á galería de arte, ao museo da conserveira e ao pazo de Kerazan, mentres que a tarde foi reservada á convivencia coas familias.
O sábado 5 foi a xornada da excursión á espectacular Costa de Granito Rosa, na parte norte de Bretaña, coas visitas aos Monts d’Arrée e ao Calvario de Pleyben. Xa de volta a Loktudi, os participantes gozaron do Fest-Noz, a tradicional festa bretoa con música e baile na Praza do Concello.
O domingo 6 estivo dedicado por completo ás familias acolledoras, mentres que o luns 7 reservouse para a visita á Base de Submarinos de Lorient, un espazo impresionante cargado de memoria histórica, e á Cidadela de Port-Louis, un exemplo emblemático de arquitectura militar defensiva.
O martes 8 chegou a hora das despedidas, co compromiso de manter vivos os intercambios e reencontrarse o próximo ano. No regreso a Galicia, o grupo aproveitou para visitar La Rochelle, Hondarribia e Santillana del Mar, completando así unha viaxe que, como destacou Anxo Martíns, “deixa un amplo campo de traballo para estender os intercambios a novos colectivos, entidades e asociacións de ambas vilas”.
A consolidación da irmandade refórzase con múltiples sinais: o nomeamento dunha rúa como Rúa Ribadeo, a existencia do barco chamado Ribadeo, os intercambios escolares entre o IES ribadense e o centro de Pont-L’Abbé, ou a crecente presenza simbólica da vila galega en Loktudi.
Desde a Asociación de Irmandade Ribadeo-Loktudi comprométense a seguir traballando “con ilusión, colaboración e perspectiva de futuro”, tendo xa no horizonte o XX aniversario do irmandamento en 2026 como nova cita de unión entre ambos pobos.