Ribadeo é distinguido cos Premios Deporte Galego 2024 pola súa xestión municipal

Ribadeo vén de ser distinguido cun dos Premios Deporte Galego 2024, outorgados pola Xunta de Galicia a entidades públicas e privadas que destacan pola súa xestión e compromiso coa actividade deportiva. O galardón será entregado o próximo 10 de setembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
O alcalde, Dani Vega, amosou a súa satisfacción polo recoñecemento e salientou que este logro é froito dun traballo colectivo. “Estamos moi contentos de que a Xunta recoñeza que o Concello de Ribadeo é a institución municipal de toda Galicia que mellor xestionou o deporte. Isto non é só mérito do Concello, do técnico de Deportes, Iván, ou do concelleiro Fran, senón do esforzo compartido con clubs, entidades e asociacións que dedican tempo persoal e compromiso á práctica deportiva de centos de nenos e nenas”, subliñou.
O rexedor engadiu que o premio pon de manifesto que o deporte en Ribadeo é unha prioridade estratéxica, non só como actividade saudable senón tamén como elemento dinamizador da vila. Segundo indicou, nos últimos dous anos rexistrouse un incremento notable das actividades deportivas, o que evidencia unha aposta decidida por seguir mellorando servizos e infraestruturas.
Vega aproveitou tamén para agradecer a colaboración das entidades locais e destacou o labor realizado polo técnico municipal e polo concelleiro de Deportes. Ademais, anunciou avances en melloras de instalacións, como a renovación do pavillón da rúa Alfredo Deaño e a reforma integral do pavillón de Cubelas, que incluirá nova cuberta, alumeado, pintado da pista e peche lateral. “Así é como se debe traballar: con constancia, poñendo a disposición os recursos dispoñibles e coa axuda da Xunta, que resulta fundamental para que estas actuacións sexan posibles”, concluíu.