Ribadeo e Barreiros únense para crear un obradoiro de emprego

AMariñaXa
O obradoiro de emprego Vilas Coidadoras é unha nova andadura en común dos Concellos de Ribadeo e Barreiros.
presentacion obradoiro de emprego ribadeo
20 sep 2022

O salón de plenos tivo lugar a presentación do obradoiro de emprego Vilas Coidadoras, unha nova andadura en común dos Concellos de Ribadeo e Barreiros que terá como protagonista á terceira idade de ambos municipios. No acto participaron o alcalde ribadense, Fernando Suárez, a alcaldesa barreirense, Ana Ermida, e o concelleiro de Desenvolvemento Local de Ribadeo, Pablo Vizoso.

Vizoso Galdo indicou que “neste novo obradoiro de emprego impartiranse e traballaranse dúas especialidades: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. Haberá unha parte teórica, que levará ao alumnado á obtención dos certificados de profesionalidade e tamén se traballará man a man tanto coa residencia municipal de Ribadeo como co hospital silo San Sebastián e San Lázaro. As actividades plantexadas para o obradoiro repartiranse entre ambos concellos”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local sinalou que “os Concellos de Ribadeo e Barreiros unen de novo as súas forzas para impulsar un obradoiro de emprego dual denominado Vilas Coidadoras, que inicia hoxe a súa andadura con 20 persoas que se atopaban desempregadas e dúas monitoras, que estarán contratadas durante un ano”.

Pablo Vizoso dixo que “se trata dun programa mixto de formación e emprego, orientado a mellorar a empregabilidade das persoas en paro de ámbolos dous concellos e a calidade de vida das persoas da terceira idade dun xeito práctico e eficiente da man de persoas con formación e experiencia neste sector”.

O edil ribadense subliñou que “o obxectivo principal desta iniciativa é impulsar un proxecto que recupere o valor de coidar, educar, entreter e integrar aos nosos maiores, un colectivo que merece toda a nosa atención e apoio, máis aínda se cabe tras esta dura tempada que viviron durante a pandemia, que afectou de xeito profundo, rompendo en moitas ocasións os lazos familiares e sociais. É o momento de compensarlles por todo o que teñen pasado e poñeremos para elo todos os medios que nos sexan posibles”.

E engadiu que “terase tamén en conta ás familias coidadoras de persoas maiores en situación de dependencia, para as que se creará o programa Coidando ao coidador. Queremos con este novo e fermoso proxecto, apoiar e protexer ás persoas máis vulnerables, axudar nos seus coidados e contribuír a fomentar a súa vida social así como a súa autoestima, algo que nos parece fundamental”.

Ana Ermida, a alcaldesa de Barreiros, manifestou que “tampouco debemos esquecer a outra pata deste obradoiro, que é o achegamento da vida cultural a todas as parroquias. Tanto Ribadeo como Barreiros, mais Barreiros si cabe, somos zonas moi rurais ás que moitas veces costa achegar esa vida cultural, costa dinamizar as parroquias, os pequenos núcleos nos que cada vez queda xente máis maior… entón agardemos que con este obradoiro sexamos quen de adaptar o que ofrecemos á necesidades dos nosos territorios”.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, pediu ao alumnado traballador “compromiso e lealdade, xa que ademais dunha oportunidade formativa e laboral, se realmente vos implicades, este ano pode ser unha experiencia moi enriquecedora e de crecemento persoal”. E engadiu que “ides facer as prácticas en centros moi especiais para nós, como son a nova residencia, o hospital asilo e o centro social”.

0.13229918479919