Ribadeo e Barreiros clausuran dous obradoiros de emprego con 36 participantes

AMariñaXa
As iniciativas, financiadas pola Xunta con máis de 880.000 euros, combinaron formación e experiencia laboral en obras e proxectos para a veciñanza
Obradoiros-Ribadeo-Barreiros-2025
30 Sep 2025

Os concellos de Ribadeo e Barreiros celebraron a clausura dos dous obradoiros de emprego que desenvolveron conxuntamente nos últimos meses, financiados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun investimento superior a 880.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a importancia destas iniciativas mixtas de formación e emprego, que permiten a persoas desempregadas contar cun contrato laboral e adquirir experiencia en oficios demandados, ao mesmo tempo que realizan obras e proxectos de utilidade para a veciñanza.

No conxunto dos dous obradoiros participaron 36 persoas, das que 16 son menores de 30 anos e pertencen ao programa para mozos “Máis emprego”, mentres que o resto integraron o obradoiro dual “Constrúe en verde”. O alumnado de “Máis emprego” repartíuse entre xardinaría e dinamización cultural, acondicionando zonas verdes, parques e xardíns, así como impulsando actividades socioculturais e o proxecto “Paseando pola vida”.

O obradoiro dual formou nas especialidades de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais. A Xunta destinou 30.000 euros adicionais para incentivar a contratación de 20 participantes en empresas locais durante un mínimo de tres meses a xornada completa. Entre os traballos realizados destacan a conservación da muralla do Forte de San Damián, o acondicionamento das antigas escolas de Vilamar ou do edificio do Motor Club, así como a limpeza de rúas, praias e instalacións municipais.

No último ano, a Xunta financiou 18 obradoiros de emprego na provincia de Lugo cun investimento de máis de 7,5 millóns de euros, beneficiando a 46 concellos e mellorando as oportunidades laborais de máis de 350 persoas desempregadas.

⚙ Configurar cookies
0.10403800010681