Ribadeo destinará 150.000 euros a unha nova campaña das panchas
Na última sesión plenaria de Ribadeo aprobouse unha partida de 150.000 euros para a nova edición da campaña das Panchas, a moeda local de Ribadeo, máis os custes de organización e promoción. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, explicou que tamén foi aprobada a amortización de débeda viva por importe de algo máis de 420.000 euros e outra partida para facer fronte ao pago de facturas do exercicio anterior que supoñen 266.000 euros. Tamén aprobaron o plan estratéxico de subvencións para o trienio 2021-2022 e 2023.
Así quedou aprobado o pago de facturas do exercicio anterior, por máis de 266.000 euros, e que non puideron ser pagadas no 2020 por diferentes motivos. Estes impasgos foron debido a diferentes circunstancias, porque se rexistraron unha vez pechado o exercicio anterior, outras porque se presentaron neste ano, poucas porque presentaban algún tipo de discrepancia ou algunhas partidas porque a inicialmente prevista quedouse curta por ter que asumir durante o ano 2020 unha gran cantidade de gastos non previstos a causa da covid-19.
Aprobaron tamén a amortización de débeda viva, é dicir de préstamos anteriores, por algo máis de 420.000 euros, unha cuestión que tamén resulta obrigatoria por lei sempre que no exercicio anterior se presente un resultado positivo, como é o caso do Concello de Ribadeo.
Incluiuse no pleno tamén un punto de aprobación de suplemento de crédito, é dicir de ampliación de orzamentos, para destinar directamente á promoción de todo o comercio e ao tecido económico de Ribadeo. Para isto lanzarán unha nova campaña da moeda local, a Pancha, para a que deestinan 150.000 euros máis os custes de organización e promoción.