Ribadeo destina 20.000 euros a novas melloras na escola infantil

AMariñaXa
O investimento, financiado pola Xunta, permitiu actuar na fachada, no muro exterior e no equipamento do centro
261021-Foto-Concello-Ribadeo
30 Aug 2025

A escola infantil de Ribadeo vén de experimentar novas intervencións cun orzamento de 20.000 euros, achegados pola Xunta de Galicia. As actuacións incluíron a renovación e reforzo da fachada, a reparación do muro principal e a adquisición de novo mobiliario, entre eles armarios destinados ao centro.

O alcalde, Dani Vega, explicou que estas melloras veñen a completar un proceso de renovación progresiva que se desenvolve nos últimos anos: “Só nesta escola infantil levamos xa investidos arredor de 120.000 euros, actuando tanto na cuberta como nas aulas, na cociña, na sala de espera e no propio exterior. A prioridade é clara: mellorar o sistema educativo dende os primeiros niveis”.

Segundo o rexedor, o apoio da Xunta foi clave para consolidar esta liña de traballo, que tamén abrangue outros centros da vila: “É importante manter un compromiso firme co ensino público. Iso non exclúe outras colaboracións, pero marca a dirección dun goberno que sabe xestionar os recursos locais e conta coa implicación da Xunta para facer realidade obras necesarias en Ribadeo”.

Durante a visita, o director xeral de Familia e o xerente da Rede de Escolas Infantís da Xunta comprobaron o resultado das actuacións. Vega quixo agradecerlles a súa presenza e a implicación institucional: “Seguiremos traballando da man para que Ribadeo continúe avanzando no ámbito educativo”.

⚙ Configurar cookies
0.16469502449036