Ribadeo destina 1,2 millóns de euros en 2025 á mellora das estradas do rural

AMariñaXa
O Concello actúa con fondos da Xunta e da Deputación en parroquias como Vilaframil, Piñeira, Cedofeita, Ove ou Remourelle
concello-ribadeo3
26 Sep 2025

O Concello de Ribadeo destinará este ano 1,2 millóns de euros á mellora da rede viaria nas parroquias do municipio. A inversión chega a través de dúas vías de financiamento: a Xunta de Galicia e o Plan Único da Deputación de Lugo.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “somos conscientes de que hai moitas infraestruturas en mal estado e por iso temos que xestionar un orzamento importante. Estes fondos van permitirnos chegar a numerosos puntos do concello, algo necesario porque as estradas precisan dunha intervención urxente”.

Segundo detallou o rexedor, xa se realizaron actuacións en Arante, en Cubelas —concretamente en Vilela e nas Anzas—, así como entre as parroquias de Couxela e Santalla. En Vilaframil tamén se desenvolveron melloras e próximamente haberá novas intervencións en dúas vías desta parroquia. Ademais, están previstas obras en Piñeira, no barrio do Vilar; en Vilaselán, na Devesa, en Cedofeita, Ove e Remourelle.

Vega subliñou que esta achega de 1,2 millóns de euros corresponde ao exercicio de 2025, pero adiantou que nos próximos días tamén se licitará a variante de Rinlo. “Imos actuar en toda esa estrada, que parte dela está totalmente destrozada, á altura do cámping e do Labirinto. Do mesmo xeito, vaise completar a estrada da costa, hoxe intransitable”, indicou.

O alcalde recoñeceu que “queda moito por facer, moito que mellorar, pero con humildade e responsabilidade seguiremos avanzando. Gustaríanos ir máis rápido, pero as obras requiren xestión e licitación. O importante é que agora, despois de todo ese proceso, xa empezamos a traballar”. Vega asegurou que este investimento encaixa no chamado Plan Avanza Rural, que supón “unha aposta clara por seguir coidando o noso territorio e mellorar as súas infraestruturas”.

⚙ Configurar cookies
0.090913057327271