Ribadeo destina 100.000 euros á mellora de estradas en Piñeira e Vilaselán

O Concello de Ribadeo vén de activar un investimento próximo aos 100.000 euros para a renovación e modernización de varias estradas das parroquias de Piñeira e Vilaselán. O alcalde, Dani Vega, explicou que o obxectivo é “seguir xestionando orzamento para mellorar as nosas vías de comunicación”, lembrando que estas actuacións eran unha demanda reiterada da veciñanza.
Segundo detallou o rexedor, en Piñeira intervirase na zona de Vilar e Dompiñor, mentres que en Vilaselán os traballos se centrarán na contorna de Penafurada, xusto diante da residencia. Vega indicou que “estas estradas estaban completamente abandonadas, levaban moitos anos con fochancas intransitables”, polo que o Concello considerou imprescindible deseñar unha planificación que permitise concretar esta inversión.
O alcalde recoñeceu que “non vamos todo o rápido que queremos, nós quereriamos ir moito máis rápido, pero non podemos porque hai que facer a xestión, licitar e completar unha serie de trámites”. Con todo, insistiu en que existe “unha planificación de inversión” que está a chegar de maneira progresiva a todas as parroquias. “Pouco a pouco, e paulatinamente, estamos investindo en todos os lugares nos que hai unha necesidade clara, porque as infraestruturas presentan unha situación lamentable”, engadiu.
Vega subliñou que o Concello continuará programando actuacións semellantes para seguir corrixindo o deterioro acumulado na rede viaria municipal, á espera de que este tipo de investimentos permita mellorar a seguridade e a mobilidade das persoas que utilizan estas vías a diario.