Ribadeo dedica 2026 a Leopoldo Calvo Sotelo coincidindo co centenario do seu nacemento

O Concello de Ribadeo dedicará o ano 2026 á figura de Leopoldo Calvo Sotelo, coincidindo co centenario do seu nacemento cunha serie de actos que comezarán este mesmo martes, 14 de abril, cunha unha ofrenda floral, un pleno extraordinario e un acto litúrxico.
“Este ano 2026 celebramos o centenario do nacemento de Leopoldo Calvo Sotelo e desde o Concello queremos dedicarlle este ano, baixo a reflexión, o debate e tamén o recordo da súa pegada”, explica o alcalde, Dani Vega, que destaca o papel de Calvo Sotelo como “pai da democracia, peza fundamental na transición, aperturista ante as novas realidades naquel entón da economía de Europa coa entrada na OTAN, e defensor das autonomía”, lembrando que “o 18 de maio de 1981 tamén firmou o Estatuto de Galicia”.
Nado en Madrid, Calvo Sotelo sempre se considerou ribadense e, de feito, foi nomeado Fillo Adoptivo e Alcalde Honorario do municipio, contribuíndo, lembra Vega, “á maior inversión, á maior industria que ten Ribadeo”, referíndose á Ponte dos Santos, así como outras infraestruturas e á consolidación turística da praia das Catedrais. Por iso, insiste o rexedor, “este ano vamos dedicarllo, non soamente a recordar a figura, senón a debater e reflexionar sobre ese político que tivo España, que estivo pouco tempo na presidencia do goberno, pero si que tivo unha pegada importante”.
Neste sentido, durante o pleno extraordinario de mañá declarase oficialmente o 2026 como Ano Calvo Sotelo e presentarase a programación completa de actos. A sesión contará coa participación de Juan Calvo Sotelo e do ex alcalde Antonio Martínez. Ademais, por primeira vez na historia deste Concello, o pleno será presidido por un presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.
“Estes actos o que queren é recordar, reflexionar e debater sobre unha figura importantísima. Remataremos a xornada de mañá cunha cerimonia litúrxica, a celebración da misa ás oito da tarde, na que tamén vai participar a Coral Polifónica de Ribadeo”, conclúe o alcalde.