Ribadeo dá un paso decisivo cara ao novo centro de saúde

AMariñaXa
O Concello culmina a ocupación dos terreos necesarios e entregaraos á Xunta en setembro para comezar a redacción do proxecto e a futura construción do equipamento sanitario
Ribadeo-visita-terreos-centro-saude-xullo-2025
29 Jul 2025

O Concello de Ribadeo acaba de dar un paso fundamental para facer realidade a construción do novo centro de saúde da vila. Segundo confirmou o alcalde, Dani Vega, este luns procedeuse á ocupación formal dos terreos nos que se levantará a infraestrutura, un trámite que cualificou como “histórico” e que marca o inicio da conta atrás para que a Xunta de Galicia asuma o proxecto.

“É un feito histórico para Ribadeo”, afirmou o rexedor. “Imos ter un centro de saúde moderno, con máis prestacións e mellor situado estratexicamente, o que permitirá unha conexión máis áxil coa autovía e, por tanto, co Hospital da Mariña”, explicou Vega.

O alcalde detallou que este avance é froito dun longo proceso administrativo que, aínda que invisible para a veciñanza, foi esencial para garantir que todo se fixese conforme á legalidade. “Houbo que modificar o plan xeral e levar a cabo unha tramitación de expropiación garantista, que por veces se fai lenta, pero fomos quen de sacala adiante nun tempo récord”, sinalou.

A ocupación dos terreos é o paso previo á súa inscrición como propiedade municipal e á súa entrega á Consellería de Sanidade, prevista para finais de setembro. A partir de aí, iniciarase a redacción do proxecto e, máis adiante, a construción dun centro que, segundo Vega, é “prioritario” para Ribadeo.

O rexedor salientou a importancia de dotar á vila de novas infraestruturas sanitarias. “Hoxe é un día para estar satisfeitos. Imos modernizar Ribadeo, e facémolo comezando por algo que necesitamos todos: un centro de saúde con novos servizos, adaptado ás necesidades actuais”, indicou.

Finalmente, o alcalde lembrou que o proxecto conta co apoio unánime de toda a corporación municipal e que as conversas coa Consellería avanzan “na boa dirección”. “Agora queda a parte máis importante: redactar o proxecto e comezar canto antes a construción. Ese é o noso desexo e o da xente de Ribadeo”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.40295386314392