Ribadeo dá a benvida aos novos bebés do municipio coa entrega das cestiñas dos arrolos

O Concello de Ribadeo celebrou un novo acto de benvida para os recentemente nados do municipio, no que se fixo entrega das coñecidas cestiñas dos arrolos a catro bebés que se incorporan á comunidade ribadense. A iniciativa, posta en marcha no ano 2023, busca recoñecer e acompañar ás familias que elixen Ribadeo para iniciar o seu proxecto de vida.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, destacou que “Ribadeo segue gañando poboación, algo que nos enche de alegría, e queremos que as familias se sintan apoiadas e coidadas desde o primeiro momento”. A edil explicou que o obxectivo desta proposta é “ofrecer unha acollida cálida, próxima e simbólica ás familias que traen nova vida ao noso concello”.
As cestiñas dos arrolos son elaboradas pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña (AAEMM), entidade á que o Concello quixo agradecer expresamente a súa colaboración. “É un traballo coidado, feito con moito agarimo, que converte este pequeno detalle nun xesto cheo de valor social e comunitario”, sinalou Sierra.
Cada cestiña contén produtos básicos e simbólicos para os primeiros meses de vida dos bebés, acompañados dunha mensaxe de benvida do Concello e dunha lembranza para as familias. A iniciativa, ademais de ter un valor afectivo, pretende fomentar a cooperación con entidades sociais do territorio e poñer en valor o seu labor.
Desde o Concello lembran que este programa forma parte das políticas municipais de apoio á natalidade e á conciliación familiar. “Ribadeo é un lugar acolledor, con servizos de calidade e cun compromiso claro coas persoas. Queremos que as novas xeracións medren aquí, nun entorno seguro e humano”, concluíu a concelleira.