Ribadeo critica a falta de apoio económico da Deputación para o novo abastecemento de auga

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, agradece a colaboración da Xunta e do Concello de Trabada e acusa a institución provincial de deslealdade por rexeitar a súa achega ao proxecto
RIBADEO-sinatura-convenio-auga-2025
2 Oct 2025

Ribadeo lamenta que a Deputación de Lugo se negara a participar no financiamento da obra do novo sistema de abastecemento de auga, un proxecto considerado prioritario polo goberno local. O alcalde, Dani Vega, acusou á institución provincial de actuar con “deslealdade” tras o rexeitamento do BNG e do PSOE a aportar o 20 % do orzamento, que ascende a 7,5 millóns de euros.

“Xa está aberto o proceso de licitación da obra”, explicou o rexedor, quen puxo en valor a colaboración institucional que fixo posible a iniciativa. “Temos que agradecer á Xunta a súa achega de 7,5 millóns e tamén ao Concello de Trabada a súa implicación, grazas á cal o proxecto puido presentarse como supramunicipal e captar fondos europeos. Entre todos fixémolo realidade”, dixo.

Vega insistiu en que a negativa da Deputación de Lugo contrasta coa actitude doutras deputacións galegas: “Na Coruña, Pontevedra ou Ourense si colaboran coa Xunta en proxectos destas características. Por que en Lugo non? Se nos axudasen co 20 %, o Concello non tería que asumir esa parte e evitaríase unha asfixia económica das nosas contas”.

Segundo o alcalde, esta situación obrigará a priorizar investimentos. “Somos conscientes de que non se pode chegar a todo. Por iso solicitamos unha reunión co presidente da Deputación. Queremos explicar de novo o proxecto e agardamos que entren en razón. Aínda están a tempo de rectificar”.

O rexedor cualificou a obra como “fundamental para o futuro de Ribadeo”. “Falouse dela durante anos, pero nunca se executou. Agora temos a oportunidade de facelo e non imos renunciar. Conseguimos 7,5 millóns, e loitaremos polo 20 % restante, sexa da Deputación ou doutra administración. Non imos permitir que o sectarismo político bloquee o crecemento de Ribadeo”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.066498041152954