Ribadeo creará un novo aparcadoiro en Santalla de Vilausende

AMariñaXa
O Concello asina por primeira vez un convenio coa Xunta para unha actuación nunha parroquia
Ribadeo-convenio-Santalla-Xunta-2025-
21 Feb 2025

O Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración por valor de 80.000 euros para a creación dun aparcadoiro na contorna da igrexa de Santalla de Vilausende. O proxecto contempla a habilitación dun espazo con capacidade para 56 vehículos, integrado na paisaxe e pensado para mellorar a accesibilidade na zona.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou que a actuación responde ás demandas da veciñanza e das asociacións locais: “Tras escoitar as propostas dos veciños e do tecido asociativo, traballamos para conseguir a cesión do terreo, propiedade do Bispado, e así facilitar o investimento público. O obxectivo é transformar un espazo que estaba en desuso nun servizo útil para a parroquia”.

O proxecto inclúe movemento de terras, acondicionamento do terreo, creación de prazas de aparcamento e a plantación de árbores, garantindo unha integración harmoniosa co medio. Vega destacou a importancia deste tipo de iniciativas: “É fundamental dotar de servizos ás parroquias e investir no rural. Un aparcadoiro humanizado como este mellora a calidade de vida e reforza a cohesión territorial”.

O rexedor agradeceu o apoio da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, así como a implicación de técnicos municipais e do Bispado para levar adiante a cesión dos terreos. “Esta é a primeira vez na historia de Ribadeo que se asina un convenio coa Xunta para unha actuación nunha parroquia, e seguiremos traballando para que non sexa a última”, concluíu.

0.17560720443726