Ribadeo convoca 18 prazas de socorristas para este verán
O Concello de RIbadeo anuncia a convocatoria de 18 postos de traballo laborais temporais. Trátase de 17 socorristas acuáticos a xornada completa e 1 xefe de equipo de socorrismo acuático tamén a xornada completa.
O prazo para inscribirse nestas prazas convocadas polo Concello de Ribadeo será ata o 25 deste mes de xuño.
O rexedor local explicou que “no día de hoxe sacamos a convocatoria dunha serie de postos laborais temporais para este verán 2020. Concretamente sacamos 17 prazas de socorristas para esta época estival cun salario de 1.300 euros ao mes en bruto agás para o xefe de equipo que serán 1.500 euros ao mes”.
Fernando Suárez subliñou que “isto supón un esforzo moi importante desde o punto de vista económico. E ao mesmo tempo este ano, como todo o mundo sabe, moi problemático pola situación do coronavirus e pola incerteza desta nova normalidade. Este ano temos unha problemática enorme co control, por si se fan aforos ou non, cos requisitos que piden as bandeiras azuis que nos acaban de conceder, coa Q de calidade que temos tamén en varias praias e que afrontamos con moita ilusión, pero con moita dificultade”.