Ribadeo convida a un verán de música, teatro e festas populares

AMariñaXa
A programación de agosto e setembro enche a vila de cultura e celebracións para todos os públicos
Ribadeo cultura 3 trimestre 2025 BEGOnA-SANJURJO-AXENDA-2025
30 Jul 2025

O Concello de Ribadeo avanza cara ao ecuador do verán cunha axenda cultural que ofrece propostas para todos os gustos, especialmente durante os meses de agosto e setembro. A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destaca que “hai unha aposta decidida pola diversidade, con música, exposicións, teatro, cine e festas populares que abranguen todo tipo de públicos”.

Agosto comeza con dúas citas sinaladas: a festa do percebe en Rinlo e a Xira de Santa Cruz, que se celebrarán o 2 e 3. O día 1 haberá un concerto moi especial na igrexa parroquial para conmemorar o 70 aniversario da Coral Polifónica de Ribadeo. A música continuará durante todo o mes coa xa consolidada serie de concertos Rock By Me, todos os mércores no auditorio de Cabanela.

O día 6 presentarase na biblioteca o libro de Manuel Díaz Acedo, e o 7 e 8 terá lugar o Festival de Cine Curto, organizado pola asociación Areas Movedizas. A primeira xornada desenvolverase nas salas do Cine de Ribadeo e o segundo día celebrarase a gala no Teatro.

O sábado 10 chegará Maricarme en concerto, e o luns 12 será a quenda de Disney A la luz de las velas, unha proposta familiar co encanto das grandes bandas sonoras. O día 14 terá lugar a actuación de Charlatán Rodríguez e o 15 Ribadeo acollerá unha das grandes citas musicais do verán coa Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias e o Cuarteto Quiroga, dentro do festival Bal y Gay.

O 16 celebraranse dúas festas tradicionais: a de San Roque, copatrón da vila, e a Festa da Carne ó Caldeiro en Remourelle. O 22, o Campo volverá encherse de vida coa representación de Glamping, de Suma, e o día 23 a actividade continuará coa Festa da Ría no Porto e o Guateque no Campo. Para pechar agosto, o día 30 haberá unha tripla cita festiva: A Malla nas Anzas, a Cedofestiña e o Xara Fest, convertendo a xornada nun auténtico clímax lúdico.

No mes de setembro, Ribadeo comezará celebrando as Festas da Patroa, que serán pregoadas o 29 de xullo. O día 4 a Coral ofrecerá un concerto solidario a beneficio da AECC. A cultura continuará coa exposición sobre a historia do estaleiro de Gondán, que se poderá visitar na Oficina de Turismo durante a primeira quincena.

O terceiro fin de semana do mes estará reservado para as Xornadas Mar por Medio, que permitirán afondar na historia e identidade mariñeira do municipio. E como peche do trimestre, o día 27, o humorista Pepo Suevos presentará no auditorio a súa “Xira do cuarto de século”, unha proposta escénica que promete risas e reflexión.

“A cultura é unha ferramenta de cohesión, dinamización e gozo colectivo, e así queremos que se viva en Ribadeo neste verán e comezo de outono”, sinala Sanjurjo.

⚙ Configurar cookies
0.17309403419495