Ribadeo convértese en sede do Campus Mareo Itinerante do Sporting de Gijón

Ribadeo será este verán o epicentro do fútbol formativo coa chegada do Campus Mareo Itinerante do Sporting de Gijón, que se desenvolverá entre os días 23 e 28 de xuño. A presentación tivo lugar no Salón dos Alcaldes coa participación do alcalde, Dani Vega; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; o responsable de Negocio Deportivo do club asturiano, Daniel Acebal; e o CEO de The Football Dream, entidade organizadora, Alberto Carmona.
Durante o acto, Silvent agradeceu ao Sporting a súa aposta por Ribadeo como sede deste proxecto, destacando o valor pedagóxico e deportivo da iniciativa: “Grazas por compartir o voso saber facer e os valores dunha das canteiras máis recoñecidas do noso país cos nosos rapaces e rapazas. Ribadeo é un punto de encontro entre Galicia e Asturias, e este campus reforza esa unión a través do deporte”. O edil tamén animou á mocidade a inscribirse, sinalando a oportunidade única que supón compartir adestramentos cun club de primeira liña como o Sporting.
O Campus Mareo Itinerante está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 18 anos. A inscrición xa está aberta e pode formalizarse a través da web www.campusdefutbolmareo.com. Para máis información, as persoas interesadas poden escribir ao correo electrónico inscripciones@thefootballdream.com ou chamar ao número 684 66 65 77.
Tanto os representantes municipais como os do club asturiano manifestaron a súa vontade de consolidar esta colaboración e dar continuidade ao campus nos vindeiros anos, reforzando así os vínculos deportivos e culturais entre Ribadeo e o Sporting de Gijón.