Ribadeo converterase nun lenzo urbano co I Certame de Pintura Rápida impulsado por Máis Debate

A vila de Ribadeo acollerá o seu primeiro Certame de Pintura Rápida, promovido pola Asociación Máis Debate, o vindeiro 5 de xullo cunha proposta que combina cultura e dinamización económica co obxectivo de encher as rúas de arte e dar visibilidade a novos talentos galegos.
A convocatoria, aberta desde este domingo, está dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Os participantes deberán crear unha obra pictórica en apenas dez horas, apostados en distintos recunchos da localidade. Ao remate da xornada, un xurado avaliará os traballos e o Concello entregará un premio de 500 euros ao cadro gañador.
O resto das obras serán expostas e postas á venda nos comercios que colaboran co certame a través de ACISA (Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo). O prezo de venda non poderá superar os 500 euros, unha medida pensada para facilitar o acceso á arte contemporánea e fomentar o consumo cultural local.
Non haberá restricións temáticas nin técnicas: cada artista poderá escoller libremente o estilo da súa obra. As inscricións estarán abertas ata o 3 de xullo a través da web da Asociación Máis Debate.
Desde a organización valoran esta nova aposta como un paso adiante no seu camiño de expansión e diversificación. “Queremos consolidarnos como plataforma de talento en Galicia. Tras o éxito dos torneos de debate en Lugo, damos un salto a outro punto da provincia e a outra expresión creativa”, indican desde a dirección.