Ribadeo converterase na sede do Cross Xogade A Mariña 2025-26 o 29 de novembro

Ribadeo prepara xa a celebración da proba clasificatoria do Cross Xogade A Mariña 2025-26, que terá lugar o vindeiro 29 de novembro nas instalacións do Campamento Xuvenil da Devesa. A xornada deportiva dará comezo ás 11:00 horas e reunirá a numerosas atletas das categorías escolares da comarca.
O evento está organizado por A.D.E. A Mariña e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, Deporte Galego, Gadis, Clun e o Club Atletismo Ribadeo, nun esforzo conxunto para impulsar o deporte base e fomentar a participación das crianzas en actividades ao aire libre.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, amosou a súa satisfacción por volver albergar unha cita deportiva deste calibre no municipio. “Estamos moi contentos de seguir acollendo actividades deportivas en Ribadeo. Son un aliciente adicional durante as fins de semana para o noso concello e, sobre todo, para a nosa hostalería”, afirmou.
Silvent destacou tamén o compromiso do Concello coa promoción do deporte e coa posta en valor das súas instalacións: “Seguiremos nesta liña, porque contamos cunhas infraestruturas deportivas excepcionais, nas que estamos a realizar investimentos importantes para mantelas en condicións óptimas, tanto para o deporte local como para acoller eventos coma este, que hoxe presentamos”.
A organización agarda unha ampla participación e confía en que a proba contribúa a dinamizar a actividade deportiva e social de Ribadeo, consolidando ao municipio como un referente na acollida de competicións escolares.