Ribadeo converterase en escaparate do mellor cinema curto coa presenza de Mabel Rivera

AMariñaXa
O IV Festival de Cine Curto desenvolverase os días 7 e 8 de agosto con proxeccións, photocall, gala final e música en directo no Cine e no Teatro de Ribadeo
Cine-ribadeo
26 Jul 2025

Ribadeo prepárase para vivir unha nova edición do Festival de Cine Curto, que este ano alcanza a súa cuarta convocatoria cunha programación chea de emoción, talento e creatividade audiovisual. A cita terá lugar os días 7 e 8 de agosto, e contará cunha madriña de excepción: a recoñecida actriz galega Mabel Rivera, que dará un toque especial a esta celebración da sétima arte.

O evento arrancará o xoves 7 de agosto no Cine de Ribadeo cun photocall a partir das 19:30 horas, conducido pola artista Prado Rúa. A continuación, ás 20:00 horas, proxectaranse as curtametraxes seleccionadas, que recollen historias que emocionan, fan sorrir e invitan á reflexión, tanto de creadoras e creadores locais como doutras procedencias.

A programación continuará o venres 8 de agosto no Teatro de Ribadeo, repetindo a estrutura da xornada anterior: ás 19:30 horas celebrarase o photocall, e ás 20:00 horas dará comezo a gala final. Durante a gala, o público poderá gozar da actuación en directo do grupo Kornucopia, que porá a nota musical a unha noite que se prevé chea de emocións e recoñecementos.

Desde a organización convidan a toda a veciñanza e visitantes a achegarse a esta experiencia cultural única. “É unha oportunidade para compartir emocións, descubrir novos talentos e vivir o cinema de preto”, destacan. O Festival de Cine Curto de Ribadeo consolídase así como unha das citas imprescindibles do verán na Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.26985001564026