Ribadeo contrata o programa 'Aquí?, como de 20'

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
31 Out 2019

O Concello sacou a licitación o contrato de servizos para a realización de actividades socioculturais, denominado Aquí? Coma de 20!, que se divide en dous bloques. O primeiro inclúe actividades formativas, lúdico recreativas, saídas culturais, cafés tertulia ou obradoiros. O segundo estará centrado no movemento activo para mellorar a condición física dos asistentes. Esta programación está destinada aos homes e mulleres maiores das parroquias de Ribadeo. As empresas interesadas dispoñen de 15 días para consultar a documentación e presentar as súas ofertas. O presuposto anual será de 55.600 euros. A duración do contrato será dun ano con posibilidade de prórroga de dous máis.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “no Concello de Ribadeo sacamos hoxe a licitación un importante contrato de servizos relativo a actividades socioculturais baixo o título Programa Aquí? Coma de 20!, que está dirixido a todas as persoas, aos homes e mulleres, das parroquias do noso concello onde imos dividilo en dous grandes bloques”.

O rexedor contou que “o bloque primeiro é relativo ás tardes de lecer, que serán actividades formativas a través de cursos de manexo das novas tecnoloxías da información e da comunicación, ou mesmo obradoiros de coñecemento do entorno e da historia local. Así como tamén doutro tipo de actividades lúdico recreativas para entreter e para ocupar o tempo de lecer de xeito creativo e lúdico fomentando así as relacións sociais. Para iso contémplanse excursións, saídas culturais, xuntanzas, cafés tertulia ou mesmo diferentes propostas de xogos ou obradoiros de memoria e actividades encamiñadas a fortalecer as habilidades sociais”.

Suárez Barcia engadiu que “por outra banda plantexamos un bloque moi importante baixo o título de Movemento activo que son actividades encamiñadas á conservación e á mellora da condición física loxicamente adaptadas ás características de cada persoa, a través do desenvolvemento de exercicios físicos de mantemento ou de tonificación e de coordinación. Todas estas actividades se van levar adiante nas diferentes escolas parroquiais e teleclubs tanto na costa como no interior, sempre en horario de tarde”. 

O alcalde ribadense subliñou que “pretendemos que este contrato estea licitado e adxudicado canto antes para empezar neste ano 2019. Todas as empresas interesadas en participar nesta licitación teñen, desde hoxe, quince días para ver toda a documentación que está na plataforma electrónica de contratos do Estado ou no perfil do contratante da páxina web do Concello. O prezo deste contrato anual serán 55.600 euros ao ano, podendo ser prorrogado dous anos máis”.

0.10582685470581