Ribadeo continúa a mellora dos aparcadoiros municipais en colaboración coa Xunta de Galicia

O Concello de Ribadeo segue avanzando na mellora dos aparcadoiros da vila grazas á colaboración coa Xunta de Galicia. Despois das actuacións levadas a cabo nos espazos de Daniel Cortezón e Ramón González, o goberno local vén de acometer os traballos de acondicionamento no situado na avenida Rosalía de Castro.
O alcalde, Dani Vega, explicou que o obxectivo destas intervencións é “seguir mellorando as infraestruturas municipais”, e precisou que se trata de zonas de estacionamento que, aínda que non son de titularidade municipal, si están xestionadas temporalmente polo Concello. “Temos que ser conscientes de que non é doado, porque ao non seren espazos propios non se lles pode aplicar aglomerado. Porén, é necesario facer un esforzo para melloralos, xa que realmente eran lameiros”, indicou o rexedor.
Vega lembrou que a iniciativa responde a un compromiso adquirido antes de acceder á alcaldía. “Xa o dixemos cando estabamos na oposición: era preciso investir e buscar unha solución. Que fixemos? Primeiro analizamos que material podía evitar os problemas, por exemplo en Rosalía de Castro, onde había unha nube de po constante que afectaba aos comercios e á hostalería. Sendo conscientes desta situación, aplicamos restos de aglomerado mesturados con zahorra, o que permite un compactado perfecto”, detallou.
O mesmo sistema aplicouse tamén nas actuacións realizadas previamente en Daniel Cortezón e na rúa Ramón González. Segundo o alcalde, “nestes tres espazos xa empezamos a traballar, e así, paulatinamente, iremos mellorando aqueles lugares nos que existe unha alta intensidade de vehículos e, polo tanto, maior necesidade de actuación”.
O Concello é consciente de que se trata de aparcadoiros temporais, polo que tamén está a planificar a creación doutros espazos que sexan de titularidade municipal. “Queremos dispoñer de zonas propias onde poidamos facer aparcadoiros con rematado en aglomerado, que é un firme mellor e máis duradeiro”, sinalou Vega.
O alcalde subliñou que estas melloras fan posible eliminar os inconvenientes que sufrían moitos usuarios e veciños. “Pouco a pouco, o obxectivo é ir mellorando estes espazos temporais con restos de aglomerado e zahorra, que evitan os lameiros e a gran cantidade de po que, por exemplo, había na avenida Rosalía de Castro”, explicou.
Finalmente, Dani Vega destacou a importancia da colaboración institucional para acometer estas obras. “Esta intervención conxunta coa Xunta de Galicia permite mellorar todos os aparcadoiros de Ribadeo e ofrecer un servizo máis digno e limpo á veciñanza e ás persoas que nos visitan”, concluíu.