Ribadeo contará cun reforzo total da atención sanitaria durante o verán

O centro de saúde de Ribadeo disporá este verán dunha cobertura médica completa grazas ao compromiso adquirido pola Consellería de Sanidade coa cobertura de todas as baixas e vacacións do seu persoal. Así o confirmou o alcalde, Dani Vega, logo dunha reunión mantida co conselleiro de Sanidade e o xerente da área sanitaria de Lugo.
O encontro, que tivo como eixo principal o estado actual e futuro da atención sanitaria no municipio, serviu para pechar unha das demandas máis reiteradas nos últimos anos: garantir a continuidade asistencial tamén durante os períodos vacacionais. “Todas as prazas de médicos en Ribadeo están cubertas e contarase con persoal de substitución para cubrir as vacacións, incluída a do pediatra, algo que ata agora era moi difícil de conseguir”, sinalou Vega.
O alcalde destacou que a solución chega tras unha intensa etapa de diálogo e presión institucional: “Fomos constantes e esixentes coa Consellería. Non podiamos permitir que Ribadeo quedase sen pediatra no verán, e logrouse garantir a súa cobertura en todas as situacións, xa sexan vacacións ou baixas por outros motivos”.
Vega recoñeceu que o déficit de profesionais non é exclusivo de Galicia, senón que afecta a todas as comunidades autónomas. “Hai lugares nos que se están cubrindo as prazas con médicos de familia, algo tamén moi complicado de conseguir. Por iso consideramos que é unha excelente noticia que aquí, en Ribadeo, esteamos en disposición de ofrecer unha atención sanitaria completa”.
Ademais, na mesma xuntanza quedou establecida a data para a cesión formal dos terreos onde se construirá o novo centro de saúde, prevista para o 29 de xullo. O alcalde avanzou que ese mesmo día se asinará o convenio que permitirá á Consellería iniciar a redacción do proxecto. “A previsión é comezar as obras na segunda quincena de setembro”, engadiu.
A valoración do alcalde foi claramente positiva: “Foi unha reunión produtiva, que reflicte que cando se traballa con rigor, constancia e respecto institucional, os resultados chegan. O Concello non ten competencias en sanidade, pero si a obriga de loitar polos mellores recursos para Ribadeo”.