Ribadeo consegue unha subvención de 50.000 euros para a moeda local

AMariñaXa
Entre os asuntos abordados na xuntanza da mesa local de comercio tamén figura a achega de 9.500 euros que recibirán os praceiros
mesa-local-comercio-Ribadeo
1 Ago 2024

Ribadeo acolleu unha xuntanza da mesa local de comercio con asistencia, por vídeo conferencia, do director xeral de Comercio, Gabriel Alén. Entre os asuntos abordados figuran a achega de 9.500 euros que recibirán os praceiros da praza de abastos así coma o convenio por importe de 50.000 euros subscrito entre o Concello e a Dirección Xeral de Comercio, que irá destinado en parte á nova campaña da Pancha, a moeda local de Ribadeo.

O alcalde, Dani Vega, contou que participaron “como goberno, tamén membros da oposición, Acisa e, por primeira vez, tamén participou o director xeral de Comercio. Eu creo que é moi importante ter estas reunións. Evidentemente apróbanse certas cuestións que van na orde do día, pero aparte diso fálase de cousas fundamentais para o futuro”.

Nesa Mesa Local de Comercio “concretouse en primeiro lugar unha axuda de 9.500 euros para os praceiros da Praza de Abastos. E partir de aí tamén vai haber unha solicitude dunha subvención por parte do Concello para ir preparando e modernizando a nosa Praza de Abastos”. En segundo lugar, saíu adiante “o convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Comercio, da Xunta de Galicia, e o Concello de Ribadeo, de 50.000 euros. Aí vamos empezar, como xa se aprobou no pleno da corporación municipal anterior, esa colaboración para o incremento no orzamento da Pancha; pasamos de 65.000 a 85.000 euros de presuposto”.

Polo tanto é un incremento de 20.000 euros, que “todos os veciños e visitantes, todos aqueles que consuman e compren no comercio local van ter máis axuda que en anos anteriores. E tamén con ese orzamento de 50.000 euros vamos traballar na dixitalización e na dinamización do comercio”. O alcalde fixo unha valoración positivo desta xornada de traballo.

“Foi unha reunión produtiva, na que tamén falamos de cousas estratéxicas para o futuro, como é o comercio de calidade; as prazas de abastos, que tamén están nesa estratexia de excelencia de produtos e de traballo e profesionalización”. En resumo, tratouse dunha reunión “positiva na que resaltamos ese primeiro convenio coa Xunta de Galicia en comercio de 50.000 euros. E a partir de aí seguiremos traballando e xestionando”.

0.18655014038086