Ribadeo conmemorará o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+
Este ano o Concello de Ribadeo conmemorará o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, con dúas iniciativas destacadas que buscan sensibilizar á poboación e celebrar a diversidade. A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explica que “para sensibilizar e promover unha mensaxe de inclusión, o Concello preparou uns soportes que se distribuirán a todos os establecementos de Ribadeo”.
Estes soportes levarán unha mensaxe clara: A diversidade enriquécenos sen importar quen sexas e a quen ames. Nesta mensaxe estará o teléfono do servizo Arco da Vella, identificado co número 028, que loita contra a violencia e a LGTBIfobia. En letras grandes e visibles, mostrarase o lema Ribadeo Orgullosa. Ademais, ás 21.00 horas no Parque San Francisco, presentarase Feitas ao Sisel: Espectáculo Poético Musical, baseado na obra gañadora do XVII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, da autora Diana Kurich.
“Este espectáculo promete ser unha experiencia única que combina poesía e música, celebrando a creatividade e a arte dentro do contexto da diversidade e a inclusión”. Para pechar a xornada de conmemoración ás 21.30 horas tamén no Parque San Francisco, haberá unha festa con discoteca móbil. “Este evento festivo busca ser un punto de encontro que promova a inclusión e o apoio ao colectivo LGTBIQ+”.
Ribadeo é “un exemplo de convivencia e aceptación e queremos que todas as persoas se sintan benvidas e valoradas. Desde o Concello de Ribadeo animamos a todos os cidadáns e visitantes a participar nestas actividades, demostrando así que a nosa vila é un lugar inclusivo e orgulloso da diversidade”.