Ribadeo conmemora o 8M cunha ampla programación centrada na igualdade e na visibilización das mulleres

Ribadeo celebrará o Día Internacional da Muller cunha programación variada organizada pola Área de Igualdade do Concello. A concelleira Begoña Sanjurjo explicou que as actividades, que se desenvolverán ao longo de todo o mes de marzo, inclúen exposicións, teatro, concursos, cine e mobilizacións, todas centradas na reflexión sobre a igualdade e a visibilización do papel das mulleres ribadenses.
Un dos principais eventos será a exposición "Mulleres x mulleres", que se poderá visitar no parque de San Francisco, onde se destacará o potencial e as achegas das mulleres de Ribadeo, tanto do pasado como do presente e do futuro. "Pretendemos promover o valor dos seus logros, creacións e contribucións, e os centros educativos tamén participarán para achegar esta realidade ás novas xeracións", indicou Sanjurjo.
O venres, 7 de marzo, o Cine Teatro acollerá a representación da obra "La Moderna", protagonizada por máis de 30 menores ribadenses, que fará un percorrido pola historia para mostrar os avances sociais en materia de igualdade e os retos que aínda deben ser superados.
O sábado, 8 de marzo, o Observatorio da Mariña pola Igualdade organizará a tradicional marcha do 8M, na que o Concello tamén participará para reivindicar os dereitos das mulleres.
A programación continúa do 7 ao 27 de marzo co Concurso de Fotografía "Qué é para ti a Igualdade?", aberto a toda a comunidade ribadense. O certame busca captar diferentes visións sobre a igualdade de xénero. O 19 de marzo, no Salón dos Alcaldes do Concello, terá lugar a proxección do documental "A nave das Marías", que pon en valor as historias de mulleres migrantes, en colaboración coa ONG Ecos do Sur.
Outras actividades previstas inclúen a charla sobre osteoporose, a cargo do xinecólogo Ezequiel Cardoso González, e unha viaxe a Santiago para asistir ao espectáculo "A burra, a mesa e o pau".
Sanjurjo animou á cidadanía a participar nestas actividades, subliñando que "Ribadeo aposta pola igualdade e a visibilización das mulleres".