Ribadeo conmemora o 8M cun amplo programa educativo, cultural e reivindicativo

AMariñaXa
O Concello aposta pola formación en igualdade, a participación cidadá e a reflexión sobre os coidados e a saúde das mulleres
cartel-8M-2026-ribadeo
25 Feb 2026

O Concello de Ribadeo, a través da Área de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), presentou a programación especial polo 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, cun calendario de actividades dirixido a todas as idades e orientado a reforzar a educación en igualdade e a sensibilización social.

As propostas arrancarán o 25 de febreiro con obradoiros afectivo-sexuais nos centros educativos, impartidos pola cooperativa Prisma dentro do programa O Concello cos Coles. Dirixidos a alumnado de Primaria, ESO e FP básica, abordarán cuestións como a educación emocional, o respecto nas relacións e a prevención das violencias machistas. O 13 de marzo, o Cine Teatro acollerá tamén unha actividade teatral para o alumnado máis novo a cargo de Trémola Teatro.

Entre o 5 e o 17 de marzo abrirase o prazo do II Certame de Fotografía “Igualdade Ribadeo”, baixo o lema Mulleres que inspiran, con premios en tres categorías e unha exposición pública coas obras presentadas.

O 8 de marzo celebrarase a tradicional Manifestación Feminista, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e pola noite o Auditorio Municipal acollerá a representación de Manual de Patronaxe, da compañía Teatro do Noroeste.

O programa completarase cunha charla sobre saúde feminina o día 9 e cunhas xornadas formativas sobre corresponsabilidade os días 13 e 14, nas que participará o colectivo Towanda Rebels, co apoio da Xunta. O Concello subliña que o 8M é unha mostra do seu compromiso permanente cunha sociedade máis xusta e igualitaria.

0.12369894981384