Ribadeo conmemora dúas décadas de BIC e 25 anos de turismo de excelencia

Ribadeo prepárase para conmemorar dúas décadas como Ben de Interese Cultural (BIC) e 25 anos como destino turístico de referencia. O acto central desta celebración terá lugar o xoves 3 de abril, ás 11:00 horas, no auditorio municipal, e contará coa participación de alcaldes de diferentes localidades galegas. O evento estará conducido polo xornalista ribadense Fabián Pérez.
O alcalde, Dani Vega, destacou a importancia desta dobre efeméride, resaltando o traballo realizado durante todos estes anos para conservar o conxunto histórico e impulsar o turismo de calidade. “Levar 20 anos como BIC reflicte o esforzo de todos os gobernos municipais por manter e coidar o noso patrimonio, garantindo a súa conservación e dinamización. E en canto aos 25 anos como destino turístico de calidade, é resultado dunha estratexia conxunta entre administracións e sector privado, que fixo posible que Ribadeo conte cunha hostalería e restauración de primeiro nivel, con actividades que permiten manter o turismo activo durante todo o ano”, sinalou Vega.
O evento reunirá a representantes de Pobra de Trives, Leiro, Monterrei, Sanxenxo, Baiona e Mondariz-Balneario, que, xunto con Ribadeo, reflexionarán sobre a evolución dos seus destinos turísticos nas últimas dúas décadas e media. Tamén se renderá homenaxe aos exalcaldes José Carlos Rodríguez Andina e Balbino Pérez Vacas polo seu papel fundamental na consecución do recoñecemento como BIC e na promoción do turismo local.
Vega fixo fincapé no papel de Fabián Pérez como presentador do acto, destacando o seu compromiso con Ribadeo: “É un orgullo contar con profesionais como Fabián, que sempre leva o nome da súa vila con orgullo e contribúe a poñela no mapa”.
Por último, o rexedor convidou a toda a cidadanía a participar na celebración: “É unha oportunidade para lembrar o camiño percorrido e seguir traballando xuntos na conservación do noso patrimonio e no fortalecemento de Ribadeo como destino turístico de calidade”.