Ribadeo colocará trampas no casco urbano para loitar contra a avespa velutina

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello, en colaboración coa asociación Os Abelleiros, colocará ao longo dos vindeiros días trampas en diferentes puntos do casco urbano para loitar contra a avespa velutina.
WhatsApp Image 2020 06 19 at 12.23.57
15 Feb 2020

O Concello, en colaboración coa asociación Os Abelleiros, colocará ao longo dos vindeiros días trampas en diferentes puntos do casco urbano para loitar contra a avespa velutina. A campaña foi presentada pola concelleira de Obras, Mónica Freire, e por Antonio Valea e Marcos Villamil, secretario e presidente respectivamente de Os Abelleiros.

A edil de Obras, Mónica Freire, anunciou que “desde o Concello de Ribadeo estamos sensibilizados con este problema que supón a praga da velutina, non soamente pola súa incidencia no sector apícola senón tamén polo que pode representar para a poboación en xeral. Deste xeito, en colaboración coa área de Medio Ambiente, imos colocar unha vintena de trampas en espazos públicos, ao longo do núcleo urbano, para durante estes meses de primavera poder trampear ás raíñas e así minimizar o problema que poden supoñer despois ao longo do ano”.

O secretario de Os Abelleiros, Antonio Valea, explicou que “en colaboración co Concello de Ribadeo vanse poñer trampas no casco urbano, que é unha zona que nos quedaba sempre sen cubrir. Este ano o Concello de Ribadeo, cos seus propios medios, vai poñer diversas trampas por varios puntos, xardíns e zonas que nos parecen interesantes, porque é onde primeiro empezan a aparecer os niños primarios de velutina, pola temperatura que sempre na poboación é un pouco máis alta, e era onde en primeiro lugar aparecían os niños. Esperamos solucionar un pouco o problema con esta colaboración. Nosoutros imos poñer o líquido e o Concello vai encargarse de poñer as trampas e revisalas cando sexa necesario”.

Antonio Valea comentou que “nosoutros o que estamos facendo, como atraínte comercial caseiro, é un mesturado de dous litros e medio de auga, un quilo de zucre e unha pastilla de levadura fresca de panadería que se compra no supermercado. Iso mestúrase todo, deixase pasar vintecatro horas, hai que almacenalo sempre destapado porque segue fermentando e pode estoupar, e despois xa se pode repartir polas trampas e ir cambiando o líquido, nosoutros cambiámolo cada oito ou dez días máis ou menos”.

E Marcos Villamil, o presidente da asociación apícola Os Abelleiros, dixo que “desde esta asociación imos colaborar co Concello de Ribadeo no trampeo de primavera, que é o máis efectivo na loita contra a avespa velutina. É dicir unha velutina, un niño menos. Normalmente faciámolo do 1 de marzo ao 1 de xuño, pero como estamos a ter estas temperaturas tan elevadas para a época do ano na que estamos, adiantaremos o trampeo”. E engadiu: “empezaramos polo núcleo urbano de Ribadeo, porque foi onde apareceron estes anos pasados os primeiros niños de velutina e despois iremos trampeando polas parroquias e polas aldeas. Pedimos a colaboración de todos para loitar contra esta especie invasora, que tantos estragos nos está a causar tanto no sector apícola, frutícola e medio ambiental”.

Marcos Villamil anunciou que “o 29 de febreiro pola tarde na Casa do Mar, en Ribadeo, impartiremos unha charla para todas as persoas que desexen información tanto da avespa velutina como do trampeo de primavera, confección de trampas caseiras e atraintes”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18625092506409